Xunta e Deputación colaborarán na posta en marcha do transporte metropolitano de Ourense Xunta e Deputación colaborarán na posta en marcha do transporte metropolitano de Ourense
Vídeo con declaracións do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda

Xunta e Deputación colaborarán na posta en marcha do transporte metropolitano de Ourense

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse hoxe co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, mantiveron esta mañá unha reunión na que acordaron colaborar para axilizar a posta en marcha do transporte metropolitano entre a cidade das Burgas e os concellos da súa área.

O encontro -ao que tamén asistiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda- inscríbese na serie de xuntanzas que está a manter o titular do Goberno galego cos alcaldes das grandes cidades e cos responsables dos entes provinciais que así o teñen solicitado.

Durante a reunión, a administración autonómica e a provincial afondaron nas distintas liñas de cooperación institucional que manteñen abertas e avanzaron que nas próximas semanas asinarán dous novos convenios de colaboración. O primeiro deles destinarase á mellora de centros educativos, e contará cun importe total de 600.000 euros. O segundo acordo impulsará un Plan de infraestruturas deportivas para a provincia, e estará dotado cun millón de euros.

Ademais, abordáronse outros asuntos de interese para a provincia, como a fase na que se atopa a tramitación de cara á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial pola Unesco; a entrada do AVE; ou a colaboración de Xunta e Deputación para o sistema de neve artificial da estación de esquí de Manzaneda.

En definitiva, e segundo coincidiron ambas partes ao termo da xuntanza, tratouse dun encontro frutífero que permitiu avanzar e concretar novos aspectos da cooperación entre ambas administracións.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia