Xunta e Fegamp avanzan na procura da máxima colaboración e coordinación a prol do beneficio dos concellos galegos Xunta e Fegamp avanzan na procura da máxima colaboración e coordinación a prol do beneficio dos concellos galegos
Vídeo con declaracións do vicepresidente da Xunta

Xunta e Fegamp avanzan na procura da máxima colaboración e coordinación a prol do beneficio dos concellos galegos

Á reunión que estivo presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asistiron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Fegamp, Alfredo García

A Comisión Galega de Cooperación Local é o órgano que ten como obxectivo principal afondar na coordinación entre as Administracións autonómicas e as entidades locais
 

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017.- Esta tarde tivo lugar a reunión da Comisión Galega de Cooperación Local, un órgano que ten como obxectivo afondar na coordinación entre a Administración autonómica e a local. Tanto Xunta como Fegamp avanzaron en acadar e procurar a máxima colaboración e coordinación en prol do beneficio dos concellos galegos.

Á reunión, que estivo presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asistiron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, ademais de representantes de todas as consellerías, da Federación Galega de Municipios e Provincias, e das catro deputacións provinciais.

O obxectivo principal foi analizar as liñas de colaboración presentes e futuras entre a Administración autonómica e a representante das entidades locais. Por exemplo, a implantación e fixación de empresas en Galicia, onde a Xunta propón un programa de medidas para reforzar a reforzar a colaboración entre o goberno galego e os concellos, ou no referente á supresión e bonificacións de impostos e taxas municipais, simplificacións administrativas ou chan empresarial competitivo.

Centros de saúde e Pacto da Auga

No relativo ao eido sanitario, acordouse entre que este mesmo mes, o Consello da Xunta, aprobará a asunción de 18 centros de saúde máis que cumpren os requisitos necesarios para ser asumidos polo Sergas, axilizando ao mesmo tempo as esixencias de documentación dos restantes, ata completar os comprometidos en xaneiro.

Ademais, avanzouse no convenio coa Fegamp para o desenvolvemento do Pacto da Auga, clarificando criterios para seleccionar e priorizar os investimentos da Xunta en materia de obras hidráulicas nas entidades locais ou supramunicipais.

Colaboración en emerxencias

No eido das emerxencias ampliarase a colaboración, co compromiso de constituír un grupo de traballo dependente da Comisión Galega de Protección Civil, para que poida abordar de xeito global todos os aspectos vinculados á xestión das emerxencias, no que é fundamental o máximo esforzo de coordinación entre toda as Administracións.


Máis liñas de actuación


Na reunión avanzáronse liñas de actuación futura, por exemplo, en materia de cooperación exterior, de persoal da administración local, ou de administración electrónica. Neste último punto estase perfilando un convenio de colaboración entre a Xunta e a Fegamp para o desenvolvemento da administración electrónica en Galicia.


Das liñas de colaboración, a nivel social destaca a creación dun grupo de traballo para elaborar o documento técnico que desenvolva a Axenda Social Única, con medidas de apoio á renda, de loita contra a pobreza enerxética, ou de impulso á inclusión residencial; sen esquecer o apoio aos servizos sociais dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Ademais, a Xunta avanzou que xa ten preparado o borrador de convenio cos concellos para a concreción da Lei de patrimonio de Galicia, no que se refire á autorización das intervencións en bens catalogados dos cascos históricos.
 

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia