Feijóo salienta que Galicia se anticipou na loita contra as malas prácticas políticas e administrativas con medidas de transparencia e control Feijóo salienta que Galicia se anticipou na loita contra as malas prácticas políticas e administrativas con medidas de transparencia e control
Vídeo do titular da Xunta no acto conmemorativo do XXV aniversario do Consello de Contas de Galicia

Feijóo salienta que Galicia se anticipou na loita contra as malas prácticas políticas e administrativas con medidas de transparencia e control

Lembra que esas medidas foron despois emuladas noutros lugares e destaca que a ampliación de competencias do Consello de Contas foi unha delas

Afirma que a democracia galega foi unha democracia previsora cando introduciu esta figura nos primeiros proxectos de Estatuto, e agora é unha democracia que responde con axilidade e eficacia ao reto que supoñen as malas prácticas

Subliña que o Consello de Contas proba que a democracia é capaz de establecer controis efectivos e independentes que axuden á súa rexeneración

Sostén que a superación das malas prácticas depende de opoñer transparencia á opacidade; control á arbitrariedade; e Estado de Dereito a dereitos sen Estado
 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia se anticipou na loita contra as malas prácticas políticas e administrativas con medidas de transparencia e control, “que logo foron emuladas noutros lugares”, dixo, lembrando que a ampliación de competencias do Consello de Contas foi unha delas.

Durante o acto conmemorativo do XXV aniversario do Consello de Contas de Galicia, Feijóo afirmou que a democracia galega foi unha democracia previsora cando introduciu esta figura nos primeiros proxectos de Estatuto, e agora é unha democracia que responde “con axilidade e eficacia” ao reto que supoñen as malas prácticas.

Para o presidente da Xunta, tanto os pais do Estatuto como os que hoxe teñen responsabilidades institucionais demostran que a democracia é capaz de establecer controis efectivos e independentes que axuden á súa rexeneración. “Velaí o traballo fecundo do Consello de Contas desde 1991. E velaí os cambios normativos que o adecúan aos novos desafíos”, recordou, ao que engadiu que, a partir do ano 2015, o Consello de Contas será a primeira institución de control externo de España con ese cometido.

“Galicia aposta desde os albores da súa democracia por un órgano de control externo que, seguindo a analoxía sanitaria, chequea o corpo institucional e administrativo do país”, explicou, facendo fincapé en que, máis adiante robustece o Consello de Contas con novas competencias, seguindo un modelo diferente a aqueles que se basean na creación de organismos técnicos específicos pero dispersos. “O noso modelo funciona, adáptase e colabora decisivamente na confianza social na democracia”, asegura.

Ao respecto, Feijóo expresou o convencemento de que a superación das malas prácticas depende de opoñer transparencia á opacidade; control á arbitrariedade; Estado de Dereito a dereitos sen Estado. “E depende igualmente de engadir o plus de exemplaridade”, abundou.

O presidente do Goberno galego concluíu trasladando os parabéns ao Consello de Contas por contribuír a que “esta xoven democracia teña as contas claras”.
 

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia