Feijóo aposta pola recuperación da ETEA para que Vigo e Galicia sexan referencia mundial en investigación mariña Feijóo aposta pola recuperación da ETEA para que Vigo e Galicia sexan referencia mundial en investigación mariña
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

Feijóo aposta pola recuperación da ETEA para que Vigo e Galicia sexan referencia mundial en investigación mariña

Anuncia que se están a dar os últimos pasos para confirmar a presenza do Centro Superior de Investigaciones Científicas no futuro Campus do Mar

O acordo asinado hoxe pecha o financiamento e a contratación dos estudos previos á rehabilitación do emblemático edificio Faraday

A Xunta ten xa comprometidos 5 millóns de euros para o Campus do Mar, que se suman aos 3 millóns cos que a Zona Franca financiará a posta a punto do edificio Siemens

“O obxectivo é que nesta lexislatura poidamos entregar á Universidade as instalacións que os profesores, os investigadores, o barrio de Teis e a cidade de Vigo merecen”, afirmou o presidente
 

Vigo, 10 de xullo de 2017.- Alberto Núñez Feijóo reafirmou hoxe a aposta da Xunta pola recuperación da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), situada no barrio vigués de Teis, para acoller un Campus do Mar que conseguirá que “Vigo e Galicia lideren a investigación mariña”, destacou.

O presidente da Xunta declarou isto na sinatura dos dous convenios coa Universidade de Vigo para a rehabilitación do emblemático edificio Faraday da ETEA, que acollerá a sede institucional do Campus do Mar. O primeiro convenio establece que o Goberno galego financie con 250.000 euros os estudos previos necesarios para a recuperación deste edificio (proxecto sectorial, estudo xeotécnico, análise estrutural, levantamento de planimetría e redacción dos proxectos básico e de execución), mentres que a Universidade se encargará de contratalos.

O segundo convenio destinará 3 millóns de euros a sufragar o equipamento do Faraday, de acordo coas liñas mestras marcadas no proxecto técnico que se contratará en virtude do primeiro convenio. A isto sumaranse outros dous millóns, procedentes de fondos europeos, para levar a cabo distintos proxectos na ETEA.

Feijóo avanzou tamén que en datas próximas se asinará o convenio coa Zona Franca de Vigo, que dispón do visto e prace tanto do pleno deste organismo como do Consello da Xunta. Este acordo desbloqueará a situación de dúas das parcelas da ETEA, a 3A e a 3B. Ambas volverán ser propiedade da Zona Franca, mentres que a Xunta aprobará os proxectos sectoriais necesarios, urbanizará as parcelas e se encargará de que dispoñan dos servizos necesarios.


Últimos pasos para confirmar a presenza do CSIC


Así mesmo, o presidente confirmou que Vigo está xa “na recta final para conseguir que se instale na ETEA tamén o Centro Superior de Investigaciones Científicas”. Deste xeito consolídase a transformación da ETEA nun campus ao estilo das universidades de referencia a nivel mundial, onde se mesture a actividade universitaria coas actividades recreativas, ao que xa se dedica unha parcela que a Xunta rehabilitou e puxo en 2013 á disposición dos veciños de Vigo.

“Un obxectivo tan ambicioso require deixar atrás a visión curtopracista e apostar de xeito decidido polo longo prazo”, dixo Feijóo. Puxo tamén en valor o diálogo leal, que foi e será necesario para resolver a situación na que se atopaba a ETEA desde 2002, cando deixou de ter usos militares. O presidente recoñeceu tamén que “ningunha Administración estivo á altura deste lugar” desde ese ano.

Para poñer fin a este bloqueo e poñer a punto o Campus do Mar, a Xunta vai investir, en total, 5 millóns de euros. Estes fondos súmanse aos 3 millóns que dedicará a Zona Franca a reformar o edificio Siemens, que acollerá unha aceleradora de empresas e un centro de investigación gastronómica. “O obxectivo é que nesta lexislatura poidamos entregar á Universidade as instalacións que os profesores, os investigadores, o barrio de Teis e a cidade de Vigo merecen”, afirmou o presidente.

Compártao :

Vídeos relacionados

  • Vídeo coas declaracións
Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia