Feijóo aposta por coordinar a actividade económica, a protección da contorna natural e as construcións humanas para garantir o desenvolvemento sustentable Feijóo aposta por coordinar a actividade económica, a protección da contorna natural e as construcións humanas para garantir o desenvolvemento sustentable
Vídeo coa intervención do presidente

Feijóo aposta por coordinar a actividade económica, a protección da contorna natural e as construcións humanas para garantir o desenvolvemento sustentable

O vindeiro luns comezará a tramitarse o Plan básico autonómico, que permitirá aos concellos galegos máis pequenos actualizar a súa normativa urbanística e adaptala ao novo contexto legal

Asegura que a Xunta coincide coa análise da ría de Arousa que fixo o equipo do prestixioso arquitecto británico David Chipperfield, que establece cinco puntos a ter en conta de xeito conxunto: a protección do ecosistema, o desenvolvemento económico, as áreas portuarias, a rehabilitación e a rede viaria

Ribeira (A Coruña), 14 de xullo de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a importancia de garantir un desenvolvemento sustentable, para o que é necesario harmonizar a actividade económica, a protección da contorna natural e as construcións humanas. Para isto é preciso manter unha visión de conxunto e realizar unha “planificación meditada” que supere os localismos.

Fíxoo na nova lonxa de Ribeira, no marco da presentación da Fundación RÍA, Rede Innovación Arousa. Esta fundación, pilotada polo prestixioso arquitecto británico David Chipperfield, elaborou un documento de traballo que establece cinco piares para o desenvolvemento. O primeiro, a protección da contorna, que se debe ver como un estímulo, non como un obstáculo. Nisto xoga un papel esencial o mantemento da calidade da auga.

En segundo lugar, a calidade dos produtos como eixo do desenvolvemento económico. Tamén cómpre ter en conta o desenvolvemento das áreas portuarias, de xeito que se integren na vila en lugar de desenvolverse de costas a ela. En cuarto lugar, recalcou a importancia da rehabilitación, que a Xunta impulsará cunha nova lei. Por último, Feijóo incidiu no reto que supón o redeseño da rede viaria, especialmente despois da apertura da Autovía do Barbanza, que descargou do tráfico de media distancia moitas estradas da zona.

Plan básico autonómico


Para que iniciativas como esta poidan impulsar o desenvolvemento sustentable, é necesario un marco normativo que o promova. Despois da aprobación das Directrices de ordenación do litoral, da Lei do solo e do seu primeiro regulamento unificado, o Goberno galego xa está a impulsar máis instrumentos de ordenación do territorio.

“O vindeiro luns comezará a tramitación do Plan básico autonómico”, avanzou o presidente. Este documento permitirá aos concellos pequenos dispoñer dunha normativa urbanística actualizada e adaptada ao novo contexto legal. Prevese que estea aprobado de xeito definitivo a mediados de 2018. Ademais, unha nova lei de ordenación do territorio permitirá adaptar o planeamento supramunicipal á nova realidade territorial.

Feijóo concluíu afirmando que “a Xunta coincide co diagnóstico da Fundación RÍA” e afirmando o interese do Goberno galego por colaborar con ela e mais cos concellos para promover de xeito conxunto o desenvolvemento sustentable da ría de Arousa.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia