A Xunta amplía nun 40% as axudas para a formación de desempregados e financia 9 novas unidades formativas para incentivar a contratación de persoal cualificado A Xunta amplía nun 40% as axudas para a formación de desempregados e financia 9 novas unidades formativas para incentivar a contratación de persoal cualificado
Vídeo do presidente da Xunta na rolda de Consello

A Xunta amplía nun 40% as axudas para a formación de desempregados e financia 9 novas unidades formativas para incentivar a contratación de persoal cualificado

Feijóo explicou que financiará o 100% de unidades formativas en firmas de sectores estratéxicos que se comprometen a contratar, como mínimo, ao 60% do alumnado

Subliña que a actuación se dirixe prioritariamente a persoas desempregadas e incentiva a contratación con axudas que poderán chegar ata os 9.000 euros

Destaca que aumenta en 15 millóns de euros os incentivos para a formación de desempregados e que a duración dos cursos se ofertarán ao longo de todo o ano

Di que se priorizarán as especialidades con maior inserción laboral e se reservará o 15% da oferta dos cursos para as persoas sen estudos básicos
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que o Goberno galego incentivará a formación e a contratación de desempregados a través de unidades formativas en catro empresas de sectores estratéxicos en Galicia, que se comprometen a contratar, como mínimo, ao 60% do alumnado. Por outra banda, anunciou a ampliación nun 40% das axudas para a formación de persoas desempregadas.

O informe presentado hoxe reafirma a aposta do Executivo autonómico por “apoiar ás persoas que queren traballar e non poden”, segundo explicou Feijóo. Deste xeito, poñeranse en marcha nove unidades formativas financiadas ao 100% polo Goberno galego no sector aeronáutico, en Coasa; no agroalimentario, en Coren; no metalúrxico, en Exlabesa; e na prevención de riscos laborais, en Previsonor.

As unidades formativas ofertarán, subliñou, 5.000 horas de preparación para 130 persoas que acadarán unha formación de referencia, das que 84 (un 64%) obterán un contrato de traballo. Aos 400.000 euros que a Xunta investirá nesta formación, sumaranse incentivos á contratación con axudas que poderán chegar aos 9.000 euros no caso dun contrato indefinido. Nese sentido, Feijóo salientou que “Galicia é a única Comunidade Autónoma que mediante este tipo de formación á carta financia directamente a contratación”.

Formación para persoas desempregadas
Ademais, o presidente da Xunta avanzou que se incrementarán en máis de 15 millóns de euros os incentivos para a formación de desempregados impartida en empresas, concellos e entidades sen ánimo de lucro, así como a súa duración, que pasará a ofrecerse ao longo de todo o ano. Así, a inversión do Goberno galego neste eido aproximarase a preto de 56 millóns de euros, o que supón un aumento do 40% con respecto á convocatoria inicial e do 70,6% en relación á do ano anterior.

A través de 1440 cursos, dos cales se reservará o 15% para persoas sen estudos básicos, 20.540 persoas percibirán formación cualificada. Estas accións formativas, nas que se dará máis relevancia ás especialidades con maiores índices de inserción laboral, están dirixidas principalmente a persoas desempregadas. Así mesmo, se o total das prazas non se cobre, permitirase unha participación de ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas.

Feijóo resaltou que o 64% dos participantes atopan un traballo aos seis meses de rematar a formación. Ademais, lembrou que o Goberno galego tamén destinará 7 millóns de euros para financiar os gastos de transporte, manutención e conciliación do alumnado.

Finalmente, o presidente da Xunta lembrou que o Executivo autonómico está a investir 80 millóns de euros en formación para desempregados a través de cursos de formación e unidades formativas, así como mediante o programa Cualifica FP, a oferta formativa en centros da Consellería de Economía e a formación específica para menores de 30 anos. “Este investimento permite contar cunha oferta de máis de 27.000 prazas en case 1900 cursos”, dixo.

 

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia