Feijóo destaca a traxectoria da Sociedade Ximnástica de Pontevedra como exemplo do talento, esforzo e vocación do deporte galego

Lembra que nestas nove décadas foron centos os nenos que neste club aprenderon a competir, a gañar, a perder e a traballar en equipo

Garante o compromiso da Xunta co club, tanto a nivel financeiro como poñendo á disposición as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Pontevedra, 8 de setembro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a traxectoria da Sociedade Ximnástica de Pontevedra como exemplo do talento, esforzo e vocación do deporte galego. “Moitas das mellores páxinas da historia do deporte pontevedrés e do deporte galego levan escrito o nome de Ximnástica”, dixo, subliñando que nestas nove décadas, foron centos os nenos que nela aprenderon a competir, a gañar, a perder e a traballar en equipo.

Durante a celebración do 90 aniversario, Feijóo aseverou que este club deportivo inculcou na sociedade pontevedresa os mellores valores do deporte; uns valores que fan que hoxe o equipo masculino da Sociedade Ximnástica de Pontevedra sexa o representante de Galicia na máxima división do atletismo español.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego recordou algúns dos éxitos acadados como os dos nove veces campión de España de xavelina Gustavo Dacal ou os do campión de España de salto de lonxitude Jean Marie Okutu. E atribuíu a boa saúde da que goza hoxe este club ao traballo conxunto dos seus 400 deportistas e do equipo directivo: “Para que unha organización sobreviva durante nove décadas ten que demostrar unha enorme forza de vontade, capacidade de adaptación e, á vez, manterse fiel á súa esencia”, abundou.

Feijóo concluíu garantindo o compromiso da Xunta co club, tanto a nivel financeiro como poñendo á disposición as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Ao respecto, afirmou que durante os vindeiros anos, este centro seguirá mellorando e profesionalizándose para promover dun xeito óptimo o alto rendemento e a tecnificación, co obxectivo de arroupar da mellor maneira posible aos deportistas de alto nivel, no seu camiño á excelencia.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia