Os galegos poderán visitar desde hoxe a primeira exposición pública da historia do Pergamiño Vindel, peza única que testemuña o nacemento da nosa literatura Os galegos poderán visitar desde hoxe a primeira exposición pública da historia do Pergamiño Vindel, peza única que testemuña o nacemento da nosa literatura
Imaxes da visita

Os galegos poderán visitar desde hoxe a primeira exposición pública da historia do Pergamiño Vindel, peza única que testemuña o nacemento da nosa literatura

Oito séculos despois da súa creación, o tesouro musical e bibliográfico procedente da Morgan Library regresa a onde naceu, expoñéndose no Museo do Mar de Galicia

Feijóo destaca o momento emotivo do acto, no cal Galicia volve recuperar unha das partidas de nacemento máis claras do seu idioma e da súa cultura

O presidente da Xunta anima a todos os galegos a coñecer de primeira man esta xoia da literatura que pon de manifesto a importancia que, durante tantos séculos, tivo e ten o galego
 

Vigo, 10 de outubro de 2017.- Baixo o título Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, os galegos poderán visitar desde hoxe, e ata o 4 de marzo de 2018, a que é a primeira exposición pública da historia do Pergamiño Vindel, unha peza única que testemuña o nacemento da nosa literatura.

Oito séculos despois da súa creación, o tesouro musical e bibliográfico procedente da Morgan Library regresa a onde naceu, ao expoñerse nunha nova sala do Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

Durante a inauguración da mostra, presidida polo titular da Xunta, Feijóo destacou o momento emotivo do acto, no cal Galicia volve recuperar unha das partidas de nacemento máis claras do seu idioma e da súa cultura. “Ao ver este documento un sente orgullo de ser galego, de ter unha lingua propia e de ser un pobo pequeno en poboación pero importante desde o punto de vista de produción cultural” dixo.

O presidente do Goberno galego aproveitou o acto para animar a todos os galegos a que visiten a mostra e coñezan de primeira man esta xoia da literatura que pon de manifesto a importancia que, durante tantos séculos, tivo e ten o galego.

Así mesmo, agradeceu á Morgan Library e á Universidade de Vigo o intenso traballo e a disposición para acadar algo tan importante como que todos os galegos poidan coñecer esta peza que testemuña o nacemento literario dun idioma e fanno cunha obra cimeira da cultura occidental, como son as cantigas de Codax.

A exposición, pensada para todos os públicos, divídese á súa vez en sete partes. Sete seccións para coñecer o que significa o Pergamiño Vindel e a grande e descoñecida figura de Martín Codax.


Con este obxectivo, a mostra desenvolve aspectos como a cultura e a espiritualidade dunha sociedade que se abre a Europa polos camiños de peregrinación que ao longo da cornixa cantábrica conducen a Santiago de Compostela; o uso social do galego durante parte do medievo máis aló do ámbito literario; a vida cotiá; o eido dos sentimentos e das crenzas, ámbito da arte e o feito relixioso.

Na mostra expóñense tamén máis de 50 pezas pictóricas, escultóricas e documentais coas que definir o contexto de creación do Pergamiño Vindel, cunha cronoloxía que vai desde a propia Idade Media ata este mesmo 2017.

E servirá, ademais, para estreitar os vínculos no ámbito lusófono, xa que nela se pon de manifesto que portugueses e galegos somos dous pobos distintos, pero indisolublemente unidos por lazos fraternais de boa veciñanza e respecto. Lazos estreitados por unha historia e unhas linguas, o portugués e o galego, cunha potente raíz común.

Una mostra configurada en sete partes


No tocante ao proxecto expositivo articulado en torno ás sete cantigas de amigo, cómpre subliñar que a primeira parte da exposición leva por título “E ai Deus, se verra cedo?”, na que se trata o tema da cultura e a espiritualidade da época, a cosmovisión dunha sociedade que se vai a abrir a Europa polos camiños de peregrinación que conducen a Santiago.

A segunda parte leva por título “Ca ven san’ e vivo / e del rei amigo”, onde se expón a estreita relación do amigo co monarca do lugar a través dalgúns símbolos da realeza e da alta nobreza, relixiosa e laica.

Na terceira parte da exposición, “Mia irmana fremosa”, faise referencia ao espazo íntimo da amiga protagonista das cantigas, ao ámbito familiar, á vida cotiá e ao concepto medieval da amizade.

A cuarta parte da mostra, titulada “E vou namorada”, incide na evocación dos sentimentos: no amor sacro pero tamén no amor profano, cantado nas cantigas de Martín Codax.

“E bañar nos emos nas ondas”, a quinta parte da mostra expón unha serie de alegorías medievais reinterpretadas pola cultura contemporánea galega, de maneira que a natureza lle inspira aos canteiros medievais unha paisaxe real e alegórica, un paraíso cristián evocado nun chapitel do convento franciscano de Betanzos, contraposto á diabólica imaxe do dragón, do mesmo convento.

A sexta parte da exposición leva por título “Eno sagrado, en Vigo”. Unha sección na que se trata o espazo evocado na sexta cantiga; é dicir, o templo e o adro.

E, por último, a sétima parte da mostra, titulada “Por que tarda meu amigo sen min?”, ofrece, como a sétima cantiga de Martín Códax, unha sorte de recapitulación. Por iso leva por subtítulo ‘Un tesouro en sete cantigas’.

O protagonista desta parte final é o Pergamiño Vindel que recolle as sete cantigas de Martín Codax; un manuscrito realizado no terceiro terzo do século XIII por dous amanuenses e dous decoradores nun scriptorium da contorna de Alfonso X o Sabio, posiblemente dunha familia aristocrática e culta.

A interrogante do verso do título e o carácter fondamente evocador e nostálxico da VII cantiga, dunha grande densidade poética na pregunta da amante ás ondas do mar, que rolda a incerteza, e na cal está simbolizada na Roda da Fortuna, representación alegórica do carácter inestable da vida humana.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia