Galicia disporá por terceiro ano consecutivo dunhas contas expansivas, 9.487 millóns que permitirán máis gasto social, máis investimento produtivo, menos impostos e menos débeda Galicia disporá por terceiro ano consecutivo dunhas contas expansivas, 9.487 millóns que permitirán máis gasto social, máis investimento produtivo, menos impostos e menos débeda
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

Galicia disporá por terceiro ano consecutivo dunhas contas expansivas, 9.487 millóns que permitirán máis gasto social, máis investimento produtivo, menos impostos e menos débeda

Feijóo afirma que Galicia é a única comunidade que ten garantido que terá as súas contas aprobadas en tempo e forma

Indica que as contas medran un 2,9%, o que supón unha capacidade de gasto 331 millóns de euros superior a 2017 e 1.100 millóns de euros máis que en 2015, esgotando o teito de gasto aprobado no verán

Asegura estes orzamentos teñen como obxectivo consolidar a recuperación económica dos últimos anos coa previsión para o vindeiro ano de seguir crecendo conforme ao Plan Estratéxico ata 2020, cun crecemento estimado do 2,5%

Avanza que en 2018, Galicia continuará coa súa política de baixar impostos, polo que se manterán todas as rebaixas fiscais xa en vigor

Subliña que Galicia está na senda de xerar entre 80.000 e 100.000 novos empregos ata o ano 2020. Unha evolución que permitirá reducir a taxa de paro ata o 14,2% coa previsión de crear 17.500 empregos

Di que o impulso das políticas sociais será de novo outra prioridade, co obxectivo de acadar un crecemento para todos. Deste xeito, seguirase reforzando o gasto social e, por iso, nestas contas destinaranse 202 millóns de euros máis a este eido

Destaca que os Orzamentos volverán reflectir o compromiso coa mellora das condicións de traballo dos empregados públicos. Con este obxectivo, ofertaranse 14.750 prazas nos vindeiros tres anos, a través dun plan de estabilidade

O conselleiro de Facenda resalta que un ano máis Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas que presenta os seus Orzamentos

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do Proxecto de lei de orzamentos para o ano 2018, que farán que Galicia dispoña por terceiro ano consecutivo dunhas contas expansivas, 9.487 millóns de euros que permitirán máis gasto social, máis investimento produtivo, menos impostos e menos débeda.

Durante a rolda de prensa, Feijóo incidiu en que grazas á estabilidade política, Galicia é a única comunidade que ten garantido que terá as súas contas aprobadas en tempo e forma, cun orzamento que medra un 2,9%, 266 millóns máis que este ano –cifra á que hai que sumarlle 65 millóns polo aforro nos xuros da débeda- e 1.100 millóns de euros máis que en 2015, esgotando o teito de gasto aprobado no verán.

Así mesmo, afirmou que estes orzamentos teñen como obxectivo consolidar e reforzar a recuperación económica dos últimos anos coa previsión para o vindeiro ano de seguir crecendo conforme ao Plan Estratéxico ata 2020, cun crecemento estimado do 2,5%. Unha previsión prudente, ante a incerteza que supón a situación política e económica de Cataluña e os efectos que poida ter sobre Galicia.

Segundo sinalou, a prioridade é que o crecemento económico chegue a todas as familias e a todos os fogares, apostando por un crecemento san, equitativo, inclusivo e integrador.

Un crecemento con menos déficit e débeda e con máis exportacións e emprego
Ao longo da súa intervención, Feijóo confirmou que, en 2018, a Comunidade estará practicamente nunha situación de equilibrio fiscal, posto que o endebedamento neto será xa moi baixo, 190 millóns de euros. Do mesmo xeito, baixarase a ratio débeda PIB, tendencia que se consolidará nos seguintes anos.

No eido das exportacións, afirmou que, se Galicia bate ano a ano o seu récord de exportacións e este ano vai camiño tamén de superalo, en 2018 a previsión é que as exportacións seguirán aumentando a maior ritmo, ao 5,7%.

E, sobre o emprego, aseverou que Galicia está na senda de xerar entre 80.000 e 100.000 novos empregos ata o ano 2020. Unha evolución que permitirá reducir a taxa de paro ata o 14,2% coa previsión de crear 17.500 empregos.

En relación ao capítulo de ingresos, o presidente da Xunta resaltou que en 2018, Galicia continuará coa súa política de baixar impostos. Así, manteranse todas as rebaixas fiscais xa en vigor: 62.000 galegos recibiron unha herdanza o ano pasado e non pagaron imposto sobre sucesións; e outros 8.000 beneficiáronse dos impostos cero no rural.

E poñeranse en marcha novas baixadas de impostos: deducións fiscais para as persoas que invistan en terras e bens rústicos desaproveitados; deducións para as persoas que invistan nunha Sociedade de Xestión Forestal; novas deducións para as persoas que invistan na rehabilitación de inmobles dos cascos históricos ou en actividade económicas neles; eliminación do Imposto de Actos Xurídicos Documentados para os que merquen solo industrial das administracións.

Por capítulos de gasto, e en relación aos gastos de persoal, Feijóo destacou unha reserva de crédito de ata o 2% para asumir o incremento retributivo que poida fixar o Estado para os empregados públicos cando aprobe o seu orzamento.

Outro punto a resaltar nas contas de 2018 é o forte incremento dos investimentos, cun incremento do 6,6% nos capítulos 6 e 7. Trátase do maior esforzo investidor desde antes da crise económica, con máis de 1.500 millóns de euros para investimentos. O único capítulo de gasto que baixa é o de xuros da débeda, cun aforro de 65 millóns de euros.

Impulso das políticas sociais


O impulso das políticas sociais será de novo outra prioridade, co obxectivo de acadar un crecemento para todos. Deste xeito, seguirase reforzando o gasto social e, por iso, nestas contas destinaranse 202 millóns de euros máis a gasto social.

Ao respecto, dedicaranse 369 millóns á dependencia para chegar a atender a 60.000 persoas; no eido das familias, abriranse novas escolas infantís en Ourense, Santiago, Lugo, Mos e A Estrada; estenderase a Tarxeta Benvida ata os 3 anos para familias con rendas baixas; e fomentarase a integración das persoas en risco de exclusión social, reforzando a partida da RISGA.

No eido sanitario, contaranse con 129 millóns máis para reforzar unha sanidade pública e de calidade: con novas infraestruturas en Ferrol, Pontevedra e Lugo; con recursos para ampliar o CHUS e a nova Facultade de Medicina, e para o Plan Director de Ourense; impulsando obras e equipamentos na EOXI da Coruña; e cunha aposta por unha mellor atención sanitaria, con máis de 300 novas prazas de profesionais sanitarios e coa extensión do programa de detección precoz do cancro de colon e recto para os cidadáns de 50 a 69 anos.

En canto ao eido educativo, os Orzamentos para 2018 disporán de recursos para camiñar cara a un ensino óptimo: coa mellora dos centros educativos; coa modernización do ensino, mantendo a aposta polo plurilingüismo e a introdución de novas tecnoloxías; e reforzando o compromiso co ensino superior -dedicando ás universidades 421 millóns, 46 millóns máis nos últimos tres anos-.

Co obxectivo de crear en 2018 arredor de 17.500 novos postos de traballo, Feijóo destacou unha achega de 246 millóns para a promoción do emprego, cun aumento do 9,6% máis para escolas obradoiro. Con máis recursos para o fomento da empregabilidade, atención ás persoas desempregadas de longa duración, as actuacións de apoio aos autónomos ou o fomento do emprego no rural, entre outras áreas

No eido da innovación, redobrarase a aposta pola competitividade, incrementando máis dun 21% os recursos para a innovación. E, para preparar un evento clave como é o Ano Santo 2021, seguiranse ampliando as partidas destinadas a Turismo.

O responsable do Executivo autonómico salientou que en 2018 seguirase mantendo o compromiso co medio rural. E, para iso aumentaranse en 3,7 millóns de euros os recursos para potenciais investimentos directos nos montes; destinaranse 27 millóns en investimento para explotacións agrarias; e case 24 millóns para a comercialización do produtos agrarios, un 13,3% máis. E no eido marítimo, apostarase por un forte impulso á transformación dos produtos da pesca e da acuicultura e tamén aos investimentos en infraestruturas portuarias.

En canto ás infraestruturas, poñeranse en marcha novos proxectos e impulsaranse outros xa iniciados: reforzarase a mobilidade, iniciando as obras nas estacións de Santiago, Ourense e Vigo e avanzando nas obras das outras catro cidades galegas. Impulsaranse os grandes eixes de comunicacións nas 4 provincias, como a Autovía do Morrazo, a Variante de Aradas, a Vía Ártabra, a conexión de San Cibrao das Viñas coa A-52 ou o desdobramento de Nadela-Sarria. E contarase con máis recursos para a construción de vivenda protexida e a rehabilitación de inmobles, cunha dotación de 32 millóns de euros.

Tamén se impulsarán os espazos de atención aos cidadáns, espazos públicos que cumpren unha importante función e que terán compromisos concretos neste Orzamento, como o espazo público Amizar, na Coruña; o Edificio Administrativo Benito Corbal; o novo Barrio da Residencia de Lugo; o Edificio xudicial de Vigo e remate do de Pontevedra; o campus do Mar na ETEA, en Vigo; o edificio Concepción Arenal en Ourense; o Edificio Xacobeo e á mellora eficiencia enerxética de San Caetano.

Ademais, no eido local a Xunta incrementará de novo o financiamento das administración locais ata acadar en total os 137,1 millóns, cun incremento do 3,5%, por riba da media dos orzamentos. Destinaranse 6,2 millóns para compensar os gastos de mantemento de centros de saúde de titularidade municipal e para a comarcalización dos parques de bombeiros. Tamén se manterá o fondo para o impulso das fusións municipais de carácter voluntario.

Por último, os Orzamentos para 2018 volverán reflectir o compromiso do Goberno galego coa mellora das condicións de traballo dos empregados públicos. Con este obxectivo, ofertaranse 14.750 prazas nos vindeiros tres anos, a través dun plan de estabilidade pactado onte con tres dos catro sindicatos da mesa xeral de Función Pública, que se abrirá aos sindicatos de Educación, Sanidade e Xustiza.

Esta ampla oferta de prazas permitirá situar a taxa de temporalidade do emprego público no entorno do 7%, é dicir, en termos de práctica estabilidade.

Polo tanto, o Consello da Xunta deu luz verde a uns Orzamentos que permitirán ter 331 millóns de euros máis que compatibilizan o reforzo continuo do gasto social coa maior aposta investidora desde antes da crise económica; que seguen reducindo o déficit e o gasto en débeda; que consolidan un crecemento integrador; que inclúen novas rebaixas de impostos, máis axudas para ás familias, máis apoios para os autónomos e máis recursos para dependencia, a Sanidade e a Educación públicas. E que manteñen como prioridade a creación de emprego de calidade. En definitiva, uns Orzamentos que apostan por un crecemento en estabilidade.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou que un ano máis Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas que presenta os seus Orzamentos, unhas contas que en 2018 terán como prioridade consolidar e reforzar a recuperación económica para que esta chegue o antes posible a todos os fogares.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia