A Xunta priorizará os Concellos Emprendedores que aposten pola captación de investimentos nas axudas para emprego, industria, comercio e emprendemento A Xunta priorizará os Concellos Emprendedores que aposten pola captación de investimentos nas axudas para emprego, industria, comercio e emprendemento
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

A Xunta priorizará os Concellos Emprendedores que aposten pola captación de investimentos nas axudas para emprego, industria, comercio e emprendemento

Precisa que estes concellos terán prioridade neste tipo de axudas que sumarán 42 millóns de euros en 2018

Estes municipios contarán con bonificacións de ata o 95% nos impostos de Bens inmobles, de Actividades económicas e sobre Construcións, instalacións e obras para os proxectos que impliquen a implantación de novas empresas ou a ampliación das xa existentes

Indica que en todos estes apoios haberá un criterio específico que beneficiará a todos os Concellos Emprendedores. Un criterio que terá un peso mínimo do 20% no baremo total

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta priorizará aos Concellos Emprendedores, é dicir, aqueles que aposten pola captación de investimentos, nas axudas destinadas ao fomento do emprego, a industria, o comercio e o emprendemento.

Enmarcada dentro da Lei de fomento da implantación empresarial, Feijóo precisou que esta iniciativa, acordada coa Fegamp, estará destinada aos concellos que implanten medidas que os fagan atractivos para a consolidación das empresas como: máis incentivos fiscais, máis facilidade para acceder ao solo empresarial e unha tramitación administrativa máis sinxela.

Deste xeito, calquera persoa ou sociedade que queira investir o seu capital en Galicia saberá que nos Concellos Emprendedores poderá atopar: licenzas de obra expedidas nun máximo de 30 días desde que se dispoña de todos os informes; eliminación da taxas por licenzas de obra e apertura nos plans empresariais que creen novos postos de traballo ou teñan unha actividade relacionada coa Industria 4.0 ou a Estratexia de Especialización Intelixente; e a posibilidade de adquirir solo industrial municipal de xeito bonificado ou mediante alugueiro.

Así mesmo, estes municipios contarán con bonificacións de ata o 95% nos impostos de Bens inmobles, de Actividades Económicas e sobre Construcións, instalacións e obras para os proxectos que impliquen a implantación de novas empresas ou a ampliación das xa existentes. E a intensidade da bonificación dependerá do emprego que se cree: o 95% se se crean máis de 20 postos de traballo; un mínimo do 75% de hai entre 11 e 20 empregos novos; e un mínimo do 50% pola creación de ata 10 empregos.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que estes concellos terán prioridade nas axudas da Xunta dirixidas a fomentar a creación de emprego, a industria, o comercio e o emprendemento, que sumarán 42 millóns de euros en 2018.

En materia de emprego, os Concellos Emprendedores terán acceso preferente ás convocatorias para obradoiros de emprego, dos que o ano pasado se puxeron en marcha 83; programas integrados de emprego, que combinan formación teórica e práctica; e para axentes económicos de desenvolvemento local, que colaboran na implantación das políticas activas de emprego.

No eido industrial, terán preferencia nas ordes de axudas destinadas a mellorar os equipamentos dos parques empresariais; e nas que fomentan a creación de viveiros industriais para os emprendedores. No ámbito do comercio, terán acceso prioritario á liña de Mercados excelentes, que permite financiar melloras nas prazas de abastos. E, no campo do emprendemento, cómpre subliñar que a Xunta favorecerá a estes concellos no acceso ás subvencións para crear espazos activos de emprendemento comercial no rural.

En todas estas axudas, que se outorgan en réxime de concorrencia competitiva, haberá un criterio específico que beneficiará a todos os Concellos Emprendedores. Un criterio que terá un peso mínimo do 20% no baremo total.

“En resumo, para un municipio obter a distinción de Concello Emprendedor significará dispoñer dunha vía de acceso prioritario a un completo paquete de axudas da Xunta”, dixo Feijóo, incidindo en que coa creación deste distintivo a Xunta fomenta a colaboración coas administracións locais para favorecer que se asenten empresas en Galicia e, así, xerar emprego e riqueza.

O presidente do Goberno galego lembrou que con este mesmo fin tamén se puxo en marcha o ano pasado a Oficina Doing Business, que ofrece aos cidadáns e as empresas unha canle directa coa administración para impulsar novos proxectos. Non en van, desde a súa creación, esta oficina conseguiu axilizar proxectos que supuxeron un investimento aproximado de 330 millóns de euros.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia