Feijóo valora o recoñecemento internacional do Códice Calixtino, que facilita a conservación do documento e o seu acceso universal Feijóo valora o recoñecemento internacional do Códice Calixtino, que facilita a conservación do documento e o seu acceso universal
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

Feijóo valora o recoñecemento internacional do Códice Calixtino, que facilita a conservación do documento e o seu acceso universal

“Hoxe, estamos ante unha gran nova para os galegos, para os europeos e para o mundo”, di

Asevera que hoxe o Camiño dispón dunha completa estratexia para mellorar a experiencia dos peregrinos –o plan director-; e estase actuando na mellora dos bens de interese cultural das rutas xacobeas e na rehabilitación da Catedral

Reitera que preparar o Xacobeo 2021 é un dos obxectivos clave nesta lexislatura

Destaca os datos coñecidos esta mesma semana sobre o turismo, que ratifican a boa marcha do sector con novos récords de viaxeiros e de pernoitas

Subliña que ata o 1 de novembro deste ano chegaron a Galicia 22.553 peregrinos máis que no mesmo período do ano pasado, o que supón un incremento do 8,38%

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe o recoñecemento internacional do Códice Calixtino que, segundo aseverou, facilita a conservación do documento e o acceso universal a el.

Ao longo do acto de celebración con motivo da inclusión do documento no Rexistro da Memoria do Mundo da Unesco, Feijóo aseverou que con este recoñecemento o Códice, que recolle o ADN do Camiño de Santiago, pasa a estar ao carón dos documentos máis importantes da historia da humanidade. “Hoxe, estamos ante unha gran nova para os galegos, para os europeos e para o mundo”, abundou.

Ao respecto, salientou que este libro global, pasa a formar parte dun selecto grupo que, en España, só integran outros dez documentos, entre os que destacan: o Beato de Liébana; o legado de Ramón y Cajal; as Capitulacións de Santa Fe; o Tratado de Tordesillas; e os Decreta de León.

O presidente da Xunta asegurou que Galicia seguirá impulsando unha das xoias do seu patrimonio e atractivo turístico: as rutas xacobeas. E, ao respecto, aseverou que hoxe o Camiño dispón dunha completa estratexia para mellorar a experiencia dos peregrinos –o plan director-; e estase actuando na mellora dos bens de interese cultural das rutas xacobeas e na rehabilitación integral da Catedral.

Preparar o Xacobeo 2021, un dos obxectivos clave nesta lexislatura


Todo isto compleméntase coa iniciativa clave para o Goberno galego nesta lexislatura: preparar o Xacobeo 2021. “Así, o Camiño terá unha mellor promoción e estará mellor organizado”, aseverou.


O responsable do Goberno galego concluíu referíndose aos datos coñecidos esta mesma semana sobre o turismo, que ratifican a boa marcha do sector cun novo récord de viaxeiros, xa que se incrementaron un 2%; cun novo récord de pernoitas, que medran un 6%; cun incremento do 4% na estadía media dos turistas, que no conxunto de España descende un 2%; e, especialmente, cun incremento moi considerable do turismo internacional, que medra un 6,5% en visitantes e case un 10% en pernoitas.

Nesta boa marcha ten un papel esencial o Camiño de Santiago. Non en van, ata o 1 de novembro deste ano chegaron a Galicia 22.553 peregrinos máis que no mesmo período do ano pasado, o que supón un incremento do 8,38%.
 

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia