Feijóo refírese a Galicia, Sexta Provincia como unha proba de que a galeguidade transcende o xeográfico

Incide en que Galicia non é só un lugar no mapa, senón unha realidade que excede a categoría de territorio que atopa na veciñanza con outros pobos unha oportunidade, non unha ameaza

Recorda que esa querencia por sumar, por unir, por compartir que é tan galega a entendeu Enrique Beotas: “El viu que esa capacidade que ten Galicia para dar acubillo a todos merecía un nome propio, que non é outro que esta sexta provincia”

Traslada o recoñecemento aos galardoados por crer que as identidades son un elemento enriquecedor e anímaos a, entre todos, seguir estendendo a galeguidade

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 10 de novembro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao acto Galicia, Sexta Provincia, no marco do cal se presentou o libro Honestidad y lealtad de Diego Murillo, como unha proba de que a galeguidade transcende o xeográfico; de que Galicia non é só un lugar no mapa, senón unha realidade que excede a categoría de territorio que atopa na veciñanza con outros pobos unha oportunidade, non unha ameaza.

Ao longo do acto, Feijóo lembrou que esa querencia por sumar, por unir, por compartir que é tan galega a entendeu Enrique Beotas: “El viu que esa capacidade que ten Galicia para dar acubillo a todos merecía un nome propio, que non é outro que esta sexta provincia”, gabou, incidindo en que “Galicia tampouco se entendería sen os galegos que o son porque decidiron selo”.

Nesta liña, tivo palabras de recoñecemento para todos os galardoados: para a Fundación Universitaria San Pablo CEU e o seu presidente, Carlos Romero Caramelo, que recibiu o Premio Enrique Beotas-La Rebotica 2017, por entender que a mellor forma de contribuír á sociedade pasa pola formación; para Ana Pastor, galardoada na edición do premio 2016, e que aglutina moitos dos valores da galeguidade como o espírito aberto e a capacidade para unir. E aproveitou, tamén, a presentación do libro Honestidad y lealtad, para destacar a traxectoria profesional e tan extensa como polifacética de Diego Murillo Carrasco.

“A todos vós queremos recoñecervos hoxe como galegos, por crer que as identidades son un elemento enriquecedor, non unha eiva”, dixo, animando a, entre todos, seguir estendendo a galeguidade.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia