Feijóo destaca a Cidade da Xustiza de Vigo como a maior aposta feita por un Goberno galego na mellora das infraestruturas xudiciais Feijóo destaca a Cidade da Xustiza de Vigo como a maior aposta feita por un Goberno galego na mellora das infraestruturas xudiciais
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

Feijóo destaca a Cidade da Xustiza de Vigo como a maior aposta feita por un Goberno galego na mellora das infraestruturas xudiciais

Precisa que estas novas instalacións porán 36.000 metros cadrados ao servizo da Administración xudicial

Asevera que con esta infraestrutura a Xunta dá cumprimento a outro dos compromisos coa cidade de Vigo, como tamén fixo co Hospital Álvaro Cunqueiro e coa depuradora da cidade

“Estamos a falar, en definitiva, dun edificio con capacidade para acoller a 57 unidades xudiciais e no que desde un primeiro momento traballarán 500 profesionais, nunhas instalacións amplas e funcionais”, asevera

Afirma que á vida do vello “pirulí” se fixo posible grazas á colaboración institucional; “xa que cando as administracións se enrocan no non e optan por darlle as costas a todos os consensos, os prexudicados son os cidadáns”, sentencia

Vigo, 27 de novembro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a Cidade da Xustiza de Vigo como a maior aposta feita por un Goberno galego na mellora das infraestruturas xudiciais, cun investimento total de máis de 30 millóns de euros.

Durante o acto de presentación do proxecto, Feijóo precisou que estas novas instalacións porán 36.000 metros cadrados ao servizo da Administración xudicial que, xunto co centro integral de saúde Taboada Leal, conformarán máis de 44.000 m². E aseverou que con esta infraestrutura a Xunta dá cumprimento a outro dos compromisos coa cidade de Vigo, como tamén fixo co Hospital Álvaro Cunqueiro e coa depuradora da cidade.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego referiuse aos tres valores que serviron como guía na transformación do vello Hospital Xeral na nova Cidade da Xustiza: axilidade, “os profesionais poderán comezar a empregar estas instalacións en 21 meses desde que empecen as obras de reforma, isto é, entre finais de 2019 e o primeiro trimestre do 2020”; sustentabilidade ambiental, xa que as 100 toneladas de residuos que se prevé retirar serán clasificadas e, na medida do posible, daráselles unha nova vida, cun retorno económico importante que ascende a uns 800.000 euros; e flexible, porque ademais de agrupar as 35 unidades xudiciais da cidade, o edificio deixará espazo para posibles ampliacións con outras 22.

“Estamos a falar, en definitiva, dun edificio con capacidade para acoller 57 unidades xudiciais e no que desde un primeiro momento traballarán 500 profesionais, nunhas instalacións amplas e funcionais”, dixo, lembrando que, nos últimos anos, a Xunta puxo
en marcha un importante proceso de ampliación e mellora das instalacións nas que se imparte Xustiza en Galicia: os novos edificios xudiciais en Santiago e Ourense; nos vindeiros meses comezarán a funcionar en Pontevedra e Tui; e este ano inaugurouse a nova Cidade da Xustiza da Coruña.

Feijóo concluíu afirmando que esta volta á vida do vello “pirulí” se fixo posible grazas á colaboración institucional, ao tempo que trasladou o desexo de que o exemplo do Xeral “nos ensine que o camiño a seguir cara ao futuro é o da colaboración leal, xa que cando as administracións se enrocan no non e optan por darlle as costas a todos os consensos, os prexudicados son os cidadáns”, sentenciou.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia