A Xunta completa a Oferta de Emprego Público de 2017 cun total de 3.448 prazas convocadas, a maior OEP desde 2009 A Xunta completa a Oferta de Emprego Público de 2017 cun total de 3.448 prazas convocadas, a maior OEP desde 2009
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello da Xunta dos decretos que establecen as ofertas de emprego público do ano 2017 para a Sanidade pública e a Administración xeral

A Xunta completa a Oferta de Emprego Público de 2017 cun total de 3.448 prazas convocadas, a maior OEP desde 2009

Precisa que coa aprobación de 1.616 prazas para sanidade e 789 para a Administración xeral, se complementa a oferta de Educación con 1.043 prazas en 25 especialidades

Ascende ao 7% a reserva para a discapacidade no caso da oferta de Sanidade e ao 8,6% na oferta da Administración xeral

Asevera que estas cifras constatan que a Administración autonómica está a cumprir o Plan de estabilidade asinado coas organizacións sindicais, co compromiso de ofertar, como mínimo, 14.700 prazas ata 2020
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2017.- O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello da Xunta dos decretos que establecen as ofertas de emprego público do ano 2017 para a Sanidade pública e a Administración xeral, completando deste xeito a OEP deste ano, cun total de 3.448 prazas ofertadas, a maior desde 2009 e un 30% maior da que se aprobou en 2016.

Ao longo da rolda de prensa, Feijóo precisou que coa convocatoria de 1.616 prazas para sanidade e 789 para a Administración xeral, se complementa a oferta de emprego público en Educación aprobada en abril, con 1.043 prazas no ensino público, en 25 especialidades, “polo tanto 1.043 profesores xa forman parte do cadro de persoal fixo da Educación pública galega”, abundou.

No que atinxe á OPE do Servizo Galego de Saúde son 1.616 prazas as de 2017 que tamén supoñen un total máis alto que todas as OPE xuntas dos últimos cinco anos e que recollen 158 prazas de médico de familia, 699 de enfermaría, 222 de celadores e 124 de persoal de administración, entre outras.

Como novidade, e coa finalidade de potenciar as especialidades de enfermaría, ofértanse 36 prazas para as categorías de enfermeiro especialista en medicina familiar e comunitaria, saúde mental, traballo e Pediatría.

Así mesmo, cómpre salientar que do total das prazas, o 50% serán provisionadas pola quenda de promoción interna. E, ademais, resérvanse o 7%, 114 prazas, para persoas con discapacidade. Outra novidade introducida será que desas 114 prazas, 33 serán para persoas con discapacidade intelectual e 81 para persoas con discapacidade física, “estamos apostando claramente pola inserción da discapacidade intelectual nas ofertas públicas de emprego”, afirmou.

O obxectivo da Consellería de Sanidade é que a maioría das categorías se convoquen no primeiro trimestre de 2018, para que os exames poidan celebrarse a finais do ano ou principios de 2019.
En relación ás 789 prazas da OEP da Administración Xeral, Feijóo subliñou que supoñen un 10% máis que as prazas ofertadas en 2016, sendo a oferta pública de emprego máis elevada desde 2008.

Entre as prazas que se inclúen cómpre destacar: 180 para servizos sociais, todas de acceso libre; 105 prazas de bombeiro forestal para o servizo de prevención e extinción de incendios, tamén de acceso libre, das que 55 pertencen á especialidade de emisorista-vixilante fixo e as outras 50 a persoal condutor; 150 prazas reservadas á promoción interna e outras 68 para persoas con discapacidade, o que supón un 8,6% das prazas reservadas para a discapacidade. Dentro destas últimas, destinaranse 18 para a discapacidade intelectual e 50 para a discapacidade física.

O presidente da Xunta subliñou que o obxectivo para 2018 é poder convocar un número similar de prazas ao deste ano, “co cal entre o 2017 e 2018 chegariamos a 7.000 prazas”.

Feijóo concluíu aseverando que estas cifras constatan que a Administración autonómica está a cumprir o Plan de estabilidade asinado coas organizacións sindicais, co compromiso de ofertar, como mínimo, 14.700 prazas ata 2020.

 

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia