Feijóo destaca os galardoados do Club Financeiro Atlántico como reflexo dunha Galicia que coopera, que non quere camiñar soa e con grandes proxectos colectivos

Recorda que o rexurdimento desta Comunidade, lonxe de ser casual, está protagonizado pola súa xente, desenvolvéndose en plena vixencia do autogoberno e abarcando todo o territorio

Salienta que a Comunidade galega segue creando certezas, convertendo a marca Galicia nunha gran tarxeta de presentación en todo o mundo
 

A Coruña, 1 de decembro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos galardoados do Club financeiro Atlántico como un exemplo da Galicia que coopera, que non quere camiñar soa e con grandes proxectos colectivos. “Vexo nos galardoados unha Galicia en miniatura. Profesións diferentes, procedencias diversas, maneiras de pensar distintas. Todos teñen a súa personalidade pero todos teñen tamén puntos en común que lles permitiron colaborar, cooperar ou simplemente intercambiar ideas”, aseverou.

Durante a I Festa de Gala do Socio, onde se entregaron os recoñecementos aos socios con 25 anos de antigüidade, Feijóo incidiu en que os premiados son homes e mulleres que non quixeron camiñar solos, atopando no club un punto de encontro onde descubrir afinidades.

“Cada un deles podería relatar, desde a súa perspectiva persoal, ese gran milagre que supón o paso da Galicia de 1989 á Galicia de 2017”, dixo, recordando que o rexurdimento desta Comunidade, lonxe de ser casual, está protagonizado pola súa xente, se desenvolve en plena vixencia do autogoberno, non se circunscribe a unhas cantas celebridades e abarca todo o territorio.

Nesta mesma liña, aseverou que, mentres se ve como sociedades prósperas e cohesionadas están sumidas en conflitos que minan o seu futuro, a Comunidade galega, pola contra, segue creando certezas, convertendo a marca Galicia nunha gran tarxeta de presentación en todo o mundo: “Asóciase co Camiño, coa cultura vibrante, con multinacionais emblemáticas, coa laboriosidade e a inventiva”, sentenciou.

“Así como os nacionalismo exacerbados fan pequenos os países grandes, o noso galeguismo integrador fai grande un país de discretas dimensións xeográficas aínda que humanamente inmenso”, abundou, facendo fincapé en que os socios pioneiros deste club non quixeron facer desta entidade unha illa, senón convertelo nun protagonista activo na sociedade.
 

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia