Feijóo reivindica a creación dun novo tramo de idade a partir dos 85 anos para que a futura reforma do financiamento autonómico dea resposta ao sobreenvellecemento Feijóo reivindica a creación dun novo tramo de idade a partir dos 85 anos para que a futura reforma do financiamento autonómico dea resposta ao sobreenvellecemento
Vídeo da intervención do presidente

Feijóo reivindica a creación dun novo tramo de idade a partir dos 85 anos para que a futura reforma do financiamento autonómico dea resposta ao sobreenvellecemento

“Un sistema de financiamento é medir os custos dos servizos, non solucionar un problema político ou lograr un acordo parlamentario”, indica

Destaca a necesidade de seguir avanzando nas infraestruturas viarias da cornixa cantábrica como a conexión Barreiros – San Cibrao (do Goberno central) ou a circunvalación de Viveiro da VAP Costa Norte (da Xunta) e subliña os avances que se lograron nesta vía, como a variante de Ortigueira e o treito Celeiro – San Cibrao

Revela que xa lle trasladou ao Ministerio de Fomento a necesidade de poñer remedio á ausencia do noroeste peninsular no Corredor Atlántico

“Non hai ningún goberno responsable que non poña como prioritario o problema demográfico, porque ten unhas consecuencias económicas enormes”, asegura

Pon en valor a política de fomento da natalidade do Goberno galego, que permitiu aumentar nun 84%, desde 12.700 ata máis de 24.400, as prazas de gardería sostidas con fondos públicos
 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou que a futura revisión do financiamento autonómico incorpore un novo tramo de idade, a partir dos 85 anos, para dar resposta á situación de sobreenvellecemento que están a vivir comunidades como Galicia, onde o 4,31% da poboación (unhas 117.000 persoas) se sitúa neste grupo de idade, fronte ao 3,02% no conxunto de España. Isto supón unha repercusión clara no maior capítulo de gasto das comunidades autónomas, a Sanidade pública, que debe ter en conta calquera reforma do sistema.

Esta reflexión, que xa se atopa recollida na declaración institucional que asinaron a semana pasada os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León, atopou eco hoxe na conversa que mantivo Feijóo co seu homólogo asturiano, Javier Fernández, no marco dos Encuentros en el Eo que organiza a Corporación Voz de Galicia. Nesta xornada, os dous mandatarios autonómicos volveron poñer de manifesto que as prioridades de Galicia e Asturias son semellantes en asuntos estratéxicos como as infraestruturas, a evolución demográfica ou o propio financiamento autonómico.

Ao fío deste asunto, o presidente galego indicou que un “sistema de financiamento é medir os custos dos servizos, non solucionar un problema político ou lograr un acordo parlamentario”. Recordou que as balanzas fiscais poden chamar a engano, posto que recollen a contribución das empresas que teñen a súa sede fiscal en cada comunidade, e que tampouco se debe caer no erro de “comparar cousas que non son homoxéneas”. Por exemplo, medir simplemente os volumes de poboación obvia o feito de que nalgunhas comunidades un hospital pode dar cobertura a 500.000 persoas, mentres que en Galicia este volume de poboación precisa de dous ou tres centros.

Respecto aos prazos que se poden manexar para a apertura das negociacións sobre o financiamento autonómico, Feijóo resaltou a importancia das vindeiras eleccións autonómicas catalás. Entre outros asuntos, debe coñecerse se a Generalitat de Cataluña que saia das urnas vai asistir ao Consello de Política Fiscal e Financeira, onde se deberá discutir esta reforma de xeito multilateral. Indicou tamén que a vía para un acordo está máis clara agora, unha vez xa foi aprobado cunha ampla maioría no Congreso, o financiamento para o País Vasco, sobre o que precisou que “pedir que se nos explique o cupo vasco parécenos un acto de lealdade”.

Os presidentes asturiano e galego amosaron tamén puntos en común no que respecta á posible reforma da Constitución española. Sobre este asunto, Feijóo asegurou que “non hai que ter medo” a unha reforma sempre que sexa quen de concitar amplos consensos e que se elabore co mesmo sentido de Estado que tiveron os que a redactaron no 1977 e a aprobaron no 1978. Entre as novidades que se poderían incluír están referencias aos tratados da Unión Europea ou unha delimitación clara das competencias autonómicas, estatais e compartidas.

O motor das infraestruturas

Feijóo comezou a súa intervención sobre o reto das infraestruturas lamentando o “erro” que supuxo, historicamente, primar a conectividade de Galicia con Madrid sobre as conexións coa cornixa cantábrica, que para a nosa Comunidade son “moito máis importantes”, a xuízo do presidente. Proba disto é que o último tramo da Autovía do Cantábrico non fose inaugurado ata finais de 2014.

A nivel de estradas, recalcou a importancia de que o Goberno central siga avanzando, na conexión entre Barreiros e San Cibrao, que artelle a Mariña lucense, a zona economicamente máis puxante da provincia de Lugo. Feijóo puxo en valor os avances que a Xunta levou a cabo na Vía de Altas Prestacións Costa Norte, como a variante de Ortigueira e o treito Celeiro-San Cibrao (ambos os dous xa en servizo e que contaron cun investimento de 98,8 millóns de euros) e comprometeuse en seguir avanzando en tramos que quedan pendentes, coma a circunvalación de Viveiro.

Feijóo revelou que xa lle trasladou ao Ministerio de Fomento a necesidade de poñer remedio á ausencia do noroeste peninsular no Corredor Atlántico. A inclusión de Galicia neste sistema é necesaria para facilitar unha saída rápida por ferrocarril a toda Europa das mercadorías que se descargan nos portos galegos, ademais de polas oportunidades de financiamento europeo que suporía.

Porén, recoñeceu tamén os avances logrados na chegada do AVE a Galicia, confirmados tanto por Fomento como polas empresas construtoras e recordou que o ano de parálise que sufriu España en 2016 tivo efectos sobre os tramos que aínda están pendentes. En consecuencia, retrasouse tres trimestres, ata 2019, o remate da construción desta liña.

O desafío demográfico do noroeste peninsular

Feijóo e Javier Fernández tamén demostraron uns puntos de vista coincidentes sobre un dos grandes problemas de Europa e que afecta tamén a Galicia e Asturias: a dinámica demográfica. Non en van, tal e como recordou o presidente galego, as dúas comunidades son membros fundadores do Foro de Rexións con Desafíos Demográficos (FREDD), que tamén reúne a Aragón, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura e A Rioxa. “Quen crea que isto é só un problema do noroeste equivócase profundamente”, advertiu. As prioridades destas oito comunidades españolas tiveron un impacto nas conclusións da Conferencia de Presidentes do pasado mes de xaneiro e para a creación da figura da comisionada do Goberno fronte ao reto demográfico, cargo que ocupa a galega Edelmira Barreira.

Feijóo repasou a evolución lixeiramente positiva da taxa de fecundidade nos últimos anos, que, non obstante, se viu acompañada por unha redución do número de mulleres en idade fértil. Iso supón que, nesta época, nacen en Galicia cada ano entre 19.000 e 20.000 nenos, mentres que en momentos peores a nivel económico, a principios dos anos 70, nacían uns 42.000. Para reverter esta tendencia é necesario —recalcou o presidente— o compromiso de toda a sociedade galega, comezando por todos os niveis administrativos, desde os concellos ata a Unión Europea, pasando polos gobernos central e autonómico.

“Non hai ningún goberno responsable que non poña como prioritario o problema demográfico, porque ten unhas consecuencias económicas enormes”, entre as que Feijóo citou a produtividade, a caída do PIB ou o gasto público. Por iso a Xunta leva desde 2009 reforzando a súa política de fomento da natalidade, cuxo lado máis visible é un aumento do 84% das prazas de gardería sostidas con fondos públicos: pasaron de 12.700 a máis de 24.400 a pesar da difícil situación económica.

Entre as ferramentas que fixeron posible este sólido aumento están o Bono Concilia, que axuda a pagar unha praza nunha escola infantil concertada a aquelas familias que non obtivesen praza na pública, ou as casas niño habilitadas nos concellos rurais que non tiñan outro recurso de atención á infancia. Ademais, lembrou a posta en marcha da Tarxeta Benvida, á que se poden acoller aquelas familias que teñan un fillo durante o primeiro ano de vida deste. En 2018 amplíase esta importante medida para apoiar tamén as nais e pais de nenos de ata 3 anos, sempre que a súa situación económica o faga necesario.

Feijóo tamén desmentiu que Galicia teña un saldo migratorio negativo entre os mozos, pois as cifras do Instituto Nacional de Estatística demostran que entre 2009 e 2016 foron máis as persoas de entre 16 e 34 anos que se asentaron na nosa Comunidade que as que marcharon. Para reforzar esta tendencia, a Xunta lanzou unha iniciativa, as Bolsas Mocidade Exterior, que financiaron que 100 descendentes de galegos residentes no estranxeiro con bos expedientes académicos cursen un máster universitario en Galicia.

Compártao :

Vídeos relacionados

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia