Feijóo afirma que a nova pista cuberta reforzará a presenza de Ourense no mapa europeo do atletismo Feijóo afirma que a nova pista cuberta reforzará a presenza de Ourense no mapa europeo do atletismo
Vídeo da intervención do presidente

Feijóo afirma que a nova pista cuberta reforzará a presenza de Ourense no mapa europeo do atletismo

Destaca que a pista conta cunhas instalacións coa tecnoloxía máis avanzada e que se converte nunha das tres mellores de España

Avanza que nesta pista celebrarase, durante os días 3 e 4 de marzo de 2018, o Campionato de España sub 20

Asevera que esta nova pista de atletismo, “a única pista cuberta homologada do noroeste español”, facilitará unhas instalacións ao máximo nivel de esixencia do atletismo europeo e reforzará o atractivo que ten o atletismo para moitos rapaces
 

Ourense, 16 de decembro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a nova pista cuberta reforzará a presenza de Ourense no mapa europeo do atletismo, cunhas instalacións que contan coa tecnoloxía máis avanzada que acollerán os adestramentos dos grandes atletas galegos, españois e estranxeiros, converténdose nunha das tres mellores pistas cubertas de España.

Durante a súa inauguración desta pista no Recinto Feiral de Expourense, Feijóo subliñou que nesta nova infraestrutura celebrarase, durante os días 3 e 4 de marzo de 2018, o Campionato de España sub 20. “E os 400 atletas adultos e os 350 cativos que compiten hoxe aquí, no Trofeo Inaugural Pista Cuberta, poden comprobar por si mesmos a calidade desta nova instalación deportiva”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, titular da Xunta lembrou que Galicia xa é unha comunidade de referencia en atletismo, unha posición que gañan cada día os atletas profesionais e os numerosos clubs que engrandecen este deporte por toda a xeografía galega. Nesta liña, aseverou que todos eles encarnan algúns dos mellores valores: a perseveranza, o espírito de superación e a lealdade.

Feijóo concluíu aseverando que esta nova pista de atletismo da que disporá a cidade de Ourense, “a única pista cuberta homologada do noroeste español”, cumpre un dobre cometido: facilitar unhas instalacións ao máximo nivel de esixencia do atletismo europeo; e reforzar o atractivo que ten o atletismo para moitos rapaces.

“A nova pista cuberta pasa, en definitiva, a formar parte do noso patrimonio deportivo”, dixo, expresando o seu convencemento de que por estas instalacións correrán máis atletas que seguirán a estela olímpica de Manuel Suárez-Pumariega Molezún e de tantos outros que, quizais, axuden a engrosar o medalleiro galego neste deporte.
 

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia