Feijóo refírese a Galicia como o mellor activo para investir: solvente, estable e cun potencial de crecemento incalculable

Asevera que a marca Galicia é unha garantía que comparten empresas de diferentes dimensións e distintos sectores e que explica, tamén, os máis de 25 anos de éxitos, de expansión, de diversificación e de calidade da empresa galardoada Congalsa

Incide en que a política debe estar supeditada ao cidadán e non ao revés. E lembra que cando se inverten os termos suceden desastres como o que está a suceder en Cataluña
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe a Galicia como o mellor activo para investir: solvente, estable e cun potencial de crecemento incalculable.

Durante a entrega do V Premio á Excelencia Empresarial do Club Financeiro de Santiago, aseverou así que a marca Galicia é unha garantía que comparten empresas de diferentes dimensións e distintos sectores e que explica, tamén, os máis de 25 anos de éxitos, de expansión, de diversificación e de calidade da empresa galardoada Congalsa.

Se ben os clásicos factores de produción son o capital, o traballo e os recursos naturais, o titular da Xunta resaltou que o prestixio, a reputación e o creto social adquiren hoxe unha importancia antes descoñecida. E, nesta liña, incidiu en que Galicia foi compoñendo un equipo no que cada quen sabe cumprir o seu deber, para que o conxunto progrese axeitadamente e as persoas e as empresas vivan nun ambiente que facilite a súa realización.

Nese contexto, destacou a función que ten que desenvolver a política, que debe estar supeditada, aseverou, ao cidadán e non ao revés. “A política consiste en preguntar constantemente que precisa a sociedade, que necesita a empresa, que cambios ou continuidades son necesarios”, dixo, lembrando que cando se inverten os termos da ecuación suceden desastres coma o que está a suceder en Cataluña.

O presidente do Goberno galego concluíu subliñando que a empresa que recibe a distinción ao emprendedores do Club Financeiro de Santiago, é unha empresa galega e global, que mestura tradición e innovación, e con provedores e clientes en todo o mundo; unhas características que distinguen o sector galego da conserva e o conxelado. Non en van, Galicia é a primeira rexión europea e a segunda mundial na produción de conservas de peixe e marisco, e máis do 80% das exportacións de conserva española teñen na Comunidade galega a súa orixe.

Así mesmo, cómpre salientar que o 61% do valor económico total do sector do conxelado é galego, e tradúcese en preto de 6.100 millóns de facturación e en 13.200 postos de traballo.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia