Feijóo afirma que o Plan básico autonómico permitirá avanzar cara á Galicia do século XXI cun urbanismo moderno, sustentable e que fomente o crecemento Feijóo afirma que o Plan básico autonómico permitirá avanzar cara á Galicia do século XXI cun urbanismo moderno, sustentable e que fomente o crecemento
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

Feijóo afirma que o Plan básico autonómico permitirá avanzar cara á Galicia do século XXI cun urbanismo moderno, sustentable e que fomente o crecemento

Incide en que o urbanismo do XXI quere planificar para unir: “Unificar normativas, integrar e conectar os núcleos de poboación, é dicir, vertebrar unha Galicia única”

Recorda que sobre a base deste texto se asentarán os futuros plans básicos municipais, que beneficiarán aos concellos de menos de 5.000 habitantes que non teñen planeamento xeral

Avanza que este texto, que foi aprobado inicialmente o pasado 14 de decembro, recibirá a luz verde definitiva a mediados deste ano, despois de estar aberto ás achegas, alegacións ou suxestións do sector

Precisa que este plan substituirá as normas provinciais de 1.991, acolléndose a el os 49 concellos que se rexen por estas normas; e os 170 concellos suxeitos a normas subsidiarias municipais ou cun PXOM que non estea adaptado á nova Lei do solo

Destaca o traballo desenvolvido nos últimos anos, reflectido na elaboración de documentos tan importantes como: as Directrices de Ordenación do Territorio; o Plan de ordenación do litoral ou a nova Lei do solo

Asevera que o Plan básico autonómico “non debe significar Plan básico da Xunta, senón Plan básico de Galicia”
 

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o Plan básico autonómico permitirá avanzar cara a unha Galicia vertebrada cun urbanismo moderno, que fomente o crecemento e que protexa a paisaxe. Cun urbanismo ordenado, sustentable e harmónico, resumiu, incidindo en que o urbanismo do século XXI quere planificar para unir; “unificar normativas, integrar e conectar os diferentes núcleos de poboación, é dicir, en definitiva, vertebrar unha Galicia única”.

Consciente de que non podería considerarse un éxito que a Comunidade avanzase a dúas velocidades, Feijóo subliñou que unha das premisas claras deste plan é que a ordenación urbana non estea reservada só ás cidades, senón á disposición do conxunto dos núcleos que conforman Galicia. Non en van, sobre a base deste documento, no que se identifican os 33.000 asentamentos de poboación galegos, asentaranse os futuros plans básicos municipais, que beneficiarán aos 49 concellos de menos de 5.000 habitantes que non teñen planeamento xeral.

A harmonización territorial de Galicia, un obxectivo que afecta a toda a sociedade
“Deste xeito, a Xunta ponse do lado daqueles concellos con menos recursos económicos e de persoal, para que accedan aos beneficios dun urbanismo ordenado e que respecta o medio ambiente”, afirmou, avanzando que este texto, que foi aprobado inicialmente o pasado 14 de decembro, recibirá a luz verde definitiva a mediados deste ano, despois de estar aberto ás achegas, alegacións ou suxestións do sector, “porque a harmonización territorial de Galicia é un obxectivo que afecta a toda a sociedade galega e sen a sensibilidade do sector non se pode acadar”.

Nesta mesma liña, aproveitou a intervención para agradecer a colaboración dos profesionais do sector para revisar a listaxe de asentamentos de poboación, comprobar se os núcleos están xeorreferenciados adecuadamente e se a toponimia do documento está actualizada.

Así mesmo, lembrou que este novo plan virá substituír uns documentos que cumpriron o seu cometido durante 27 anos: as normas provinciais de 1.991, acolléndose a el os 49 concellos que se rexen por estas normas; e, tamén, os 170 concellos suxeitos a normas subsidiarias municipais ou cun PXOM que non está adaptado á nova Lei do solo.

O presidente da Xunta concluíu destacando o traballo desenvolvido nos últimos anos reflectido na elaboración de documentos tan importantes como: as Directrices de Ordenación do Territorio; o Plan de ordenación do litoral; a nova Lei do solo; a Lei de medidas urxentes; a Estratexia da paisaxe galega; o Catálogo, que divide o territorio en 12 grandes áreas paisaxísticas; e a Guía de cores e materiais. “E, desde 2009 multiplicouse por tres o número de concellos que aprobaron un Plan xeral de ordenación urbana. Tiñamos 33 e, neste momento, temos 98”, engadiu.

Feijóo concluíu aseverando que o Plan básico autonómico “non debe significar Plan básico da Xunta, senón Plan básico de Galicia”.
 

Compártao :

Vídeos relacionados

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia