Feijóo destaca a innovación na automoción, as TIC, a biotecnoloxía ou o aeronáutico como base común para impulsar relacións entre Galicia e Israel

Asevera que ambos os territorios comparten o valor da tecnoloxía e a I+D+i como estímulo da competitividade económica

Resalta que as exportacións de Galicia a Israel aumentaron en 21 millóns de euros en 2016, un 23% máis que en 2015, sendo a automoción o sector que concentra a maior parte das exportacións (en 2016, o 61,3%)

Lembra que para construír o seu propio modelo de innovación, Galicia conta cun plan que, cunha mobilización de preto de 1.800 millóns, incrementará nun 10% o persoal empregado en I+D, ata os 10.400 profesionais

Refírese á Comunidade como un interesante emprazamento para proxectos innovadores, con interesantes vantaxes fiscais e administrativas para empresas que queiran investir
 

Tel Aviv (Israel), 30 de xaneiro de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a innovación de sectores como o da automoción, o TIC, o biotecnolóxico ou o aeronáutico como base común para impulsar as relacións comerciais entre Galicia e Israel.

Durante a clausura esta tarde do encontro empresarial Galicia-Israel, dentro da primeira visita oficial dun presidente da Xunta ao país, Feijóo aseverou que ambos os territorios comparten o valor da tecnoloxía e a I+D+i como estímulo da competitividade económica. Unha aposta pola dixitalización e o coñecemento que leva a Galicia a esta Start Up Nation, todo un país de referencia en crecemento intelixente.

“En Galicia tamén cremos no poder transformador da innovación tecnolóxica; temos grandes expectativas nos progresos que está conseguindo a automoción, a biotecnoloxía, o naval, a industria agroalimentaria ou a aeronáutica no noso país; e queremos que Israel sexa un socio comercial para as empresas galegas máis innovadoras”, abundou.

Confiando en que este interese poida ser recíproco, Feijóo salientou que nesta misión comercial o acompañan máis dunha vintena de empresas, clústers e centros tecnolóxicos. Non en van, as exportacións de Galicia a Israel aumentaron en 21 millóns de euros en 2016, un 23% máis que en 2015, sendo a automoción o sector que concentra a maior parte das exportacións (en 2016, o 61,3%); as cifras de 2016 cuadriplican folgadamente as rexistradas en 2009 e no último ano, 121 empresas galegas exportaron a este país, un 70% máis que en 2008.


Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno autonómico expuxo que en todas estas áreas a industria galega está logrando fitos importantes, entre os que destacou: o lanzamento do primeiro vehículo autónomo que percorreu as estradas españolas, grazas ao traballo conxunto entre unha das plantas máis produtivas e innovadoras do Grupo PSA como é a de Balaídos e o labor que vén desenvolvendo o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia.

Así mesmo, subliñou que a Comunidade hai tempo que tamén se situou á cabeza de España en investigación tecnolóxica de avións non tripulados para uso civil, destinados a tarefas como o coidado do ambiente, a xestión do territorio ou a vixilancia antiincendios. E no eido da biotecnoloxía, Feijóo incidiu en que Galicia é unha das rexións de España que acumula un maior número de empresas biotecnolóxicas e a única que dispón dunha aceleradora dedicada á investigación de novos fármacos.

Feijóo puxo en valor, ademais, que os avances que está a facer a industria galega no ámbito da innovación se apoian na fórmula da colaboración público-privada, na que o modelo israelí é unha referencia. E lembrou que para construír o seu propio modelo de innovación, Galicia conta cun plan trazado con vistas a 2020 que, cunha mobilización de preto de 1.800 millóns, incrementará nun 10% o persoal empregado en I+D, ata os 10.400 profesionais; disporá dun 15% máis de empresas innovadoras ata superar o milleiro; creará hubs de innovación que agrupen o traballo de todos os axentes que participan en proxectos de I+D+i segundo o sector e, sobre todo, buscando a formación dos profesionais do futuro.

O presidente da Xunta concluíu o seu relatorio referíndose á Comunidade como un interesante emprazamento para proxectos innovadores.

Neste sentido, referiuse á rede de espazos coworking e de aceleradoras nas que participan grandes multinacionais. E, ademais das vantaxes fiscais e administrativas para as empresas que se queiran instalar ou ampliar a súa actividade en solo industrial da nosa Comunidade, resaltou que Galicia ofrece tamén as máximas facilidades para que os trámites administrativos non sexan un obstáculo que enlenteza calquera posible investimento.

 

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia