Feijóo avanza que o pioneiro Plan galego de conciliación e corresponsabilidade contará con novas axudas para fomentar a conciliación nas empresas e nas administracións Feijóo avanza que o pioneiro Plan galego de conciliación e corresponsabilidade contará con novas axudas para fomentar a conciliación nas empresas e nas administracións
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta na rolda de prensa de Consello

Feijóo avanza que o pioneiro Plan galego de conciliación e corresponsabilidade contará con novas axudas para fomentar a conciliación nas empresas e nas administracións

Destaca que é pioneiro nas administracións autonómicas e inclúe un centenar de medidas concretas

Anuncia axudas destinadas a empresas para compensar a redución de xornada das persoas traballadoras con menores ou dependentes ao seu cargo

Sinala tamén a implantación para o persoal funcionario dun permiso adicional de catro semanas que poderá coller a nai ou o pai, e durante o que se percibirá o 75% das retribución

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta fixo fincapé noutras accións concretas como a creación dun portelo que unificará toda a información sobre servizos e axudas estatais, autonómicas e locais de apoio ás familias

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación do I Plan de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, pioneiro nas administracións autonómicas e que contará con axudas para fomentar a conciliación nas empresas, nas familias e nas administracións, entre outros aspectos.

En definitiva, un plan que é o primeiro na materia que aproba unha comunidade, que abarca a todo o Goberno galego e se estende máis aló do ámbito da Administración autonómica; e que inclúe un centenar de medidas concretas, entre as xa postas en marcha e outras novas.

Nesta liña, Feijóo destacou a posta en marcha de axudas destinadas a empresas para compensar a redución de xornada das persoas traballadoras con menores ou dependentes ao seu cargo, así como a iniciativa de primar nas contratacións públicas a aquelas empresas que aposten pola conciliación e pola corresponsabilidade.

Así mesmo, anunciou a implantación para o persoal funcionario dun permiso adicional de catro semanas que poderá coller a nai ou o pai, e durante o que se percibirá o 75% da retribución. Ademais da paulatina equiparación dos permisos de maternidade e paternidade de forma intransferible, de tal xeito que neste primeiro período de desenvolvemento do plan os permisos de paternidade se incrementarán ata as 7 semanas na Función Pública.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que este plan supón dar “un paso adiante” e incrementar o compromiso da Xunta coa conciliación e a corresponsabilidade. Para conseguilo, o documento incide en todos os ámbitos, polo que estrutura as súas 100 medidas ao redor de cinco eixos: a xeración de conciencia e coñecemento, a coeducación para unha sociedade responsable, unha nova cultura dos tempos, o reforzo do compromiso de todos coa conciliación, e o fortalecemento dos recursos de apoio.

Ademais das medidas destacadas polo presidente da Xunta, Rueda fixo fincapé noutras accións concretas como a creación dun portelo que unificará toda a información sobre servizos e axudas estatais, autonómicas e locais de apoio ás familias; ou a promoción de estudos para coñecer o valor social e económico do traballo doméstico e dos coidados.

No plan tamén se inclúen outras iniciativas, como a formación do profesorado en materia de conciliación e corresponsabilidade, o impulso de pactos locais para a mellora dos usos e xestión dos tempos; o apoio aos concellos na posta en marcha de medidas de conciliación; ou o establecemento de axudas ás empresas para a contratación dunha persoa substituta durante o permiso de paternidade do traballador.

No documento aprobado hoxe tamén se aposta por fomentar outras medidas que xa están en marcha como o fortalecemento dos servizos electrónicos da Administración, ou a consolidación e mellora de recursos como a rede de escolas infantís, ou o Bono Concilia e Bono Coidado.

En definitiva, resumiu o vicepresidente, trátase dun plan con “compromisos medibles e executables”, que se basea nunha aposta real pola conciliación e corresponsabilidade, que marca como obxectivos principais concienciar á sociedade, facendo especial fincapé no ámbito educativo; incidir nun uso do tempo máis racional; implicar o resto de axentes da sociedade, como ás entidades locais e as empresas; e ofrecer medidas e incentivos para apoiar a conciliación.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia