Feijóo avanza unha achega de 22 millóns de euros para impulsar políticas activas de emprego a través de obradoiros e unidades formativas na empresa cos mozos como prioridade Feijóo avanza unha achega de 22 millóns de euros para impulsar políticas activas de emprego a través de obradoiros e unidades formativas na empresa cos mozos como prioridade
Vídeo do presidente da Xunta no pleno do Parlamento

Feijóo avanza unha achega de 22 millóns de euros para impulsar políticas activas de emprego a través de obradoiros e unidades formativas na empresa cos mozos como prioridade

Prevese que nestas dúas iniciativas de fomento da contratación participen máis de 2.000 persoas desempregadas

Feijóo indica que o paro rexistrado en Galicia baixou en 2016 en 23.000 persoas, 4.600 delas menores de 30 anos

Asegura que un obxectivo prioritario das políticas de emprego son os mozos, aos que se destinaron 150 millóns de euros e para os que se lanzou o Programa de garantía xuvenil

Galicia foi unha das primeiras comunidades en poñer en marcha o tícket eléctrico “e hoxe ninguén pode cortar a luz nin o gas sen notificalo previamente á Xunta”, salienta o presidente

Desde 2014 o Goberno autonómico axudou a 6.000 fogares a través das medidas para loitar contra a pobreza enerxética, atendendo o 100% das solicitudes, e está disposto a ampliar a súa poboación diana

Santiago, 25 de xaneiro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, durante a súa intervención no pleno do Parlamento de Galicia para responder ás preguntas dos grupos parlamentarios, que no Consello deste xoves se aprobará unha achega de 22 millóns de euros para impulsar políticas activas de emprego a través de obradoiros e unidades formativas na empresa e cos mozos como colectivo prioritario.

Dentro desta achega, 20,5 millóns destinaranse a obradoiros de emprego a través de dúas convocatorias distintas. A primeira reserva 16,5 millóns de euros para obradoiros de emprego ordinarios, cuxos colectivos prioritarios serán, entre outros, os beneficiarios da Risga, os parados de longa duración e aqueles que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior. A segunda orienta 4 millóns de euros para obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos. Estes teñen unha duración de seis meses, mentres que nos ordinarios se amplía a nove meses.

A esta liña de axudas poderán optar os concellos, coa previsión de que poidan beneficiarse en total 1.600 desempregados, 1.200 nos obradoiros ordinarios e 400 nos reservados aos menores de 30 anos. Primaranse os proxectos que presenten unha maior vinculación coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos, así como a relación do proxecto co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción dos alumnos.

Unidades formativas nas empresas

Para as unidades formativas nas empresas, nas que estas poden deseñar libremente a formación específica que precisan os seus futuros traballadores, o Goberno galego destinará 1,45 millóns de euros. A previsión é que se beneficien 450 persoas. Dentro desta actuación, a Xunta financiará o 100% da formación, co compromiso das empresas de contratar un mínimo do 60% dos participantes.

Aquelas empresas que superen este mínimo de inserción laboral contarán, ademais, con incentivos para a contratación que poden chegar aos 9.000 euros no caso dun contrato indefinido. Hai que subliñar ademais que, con esta iniciativa, Galicia se converte na única comunidade que subvenciona directamente a contratación que supere o compromiso de inserción laboral fixado.

Durante a súa intervención, Feijóo incidiu en que a clave para diminuír o desemprego xuvenil é a formación. “Por iso —aseverou— o que estamos a facer é reducir o fracaso escolar e incrementar os ciclos de formación profesional, mellorando a oferta e adaptándoa á realidade”.

Se ben recoñeceu que aínda queda moito por facer, o responsable do Executivo autonómico valorou os datos do paro rexistrado en 2016 en Galicia: 23.000 parados menos respecto ao 2015 e 17.000 novos afiliados á Seguridade Social. Entre os mozos menores de 30 anos, o paro rexistrado baixou un 14,4%, o que supón 4.600 desempregados menos.

Feijóo asegurou que os menores de 30 anos son e serán un obxectivo prioritario das políticas de emprego da Xunta, lembrando que desde hai dous anos a Administración autonómica conta co Programa de garantía xuvenil, unha iniciativa para mellorar a inserción dos máis novos no mercado de traballo e que se presta a través de 56 técnicos de orientación. Así mesmo, na última lexislatura investíronse 150 millóns de euros en políticas activas de emprego xuvenil.

Galicia, unha das primeiras comunidades en poñer en marcha o tícket eléctrico

En materia de política social, Feijóo subliñou que Galicia foi unha das primeiras comunidades en poñer en marcha o tícket eléctrico, “e hoxe ninguén pode cortar a luz nin o gas sen notificalo previamente á Xunta”, sentenciou. Desde 2014 a Administración autonómica axudou a 6.000 fogares galegos, “atendendo o cen por cen das solicitudes”. O presidente da Xunta concluíu a súa intervención trasladando a disposición do Executivo a ampliar a poboación diana á que vai destinada o tícket eléctrico.

Compártao :

Vídeos relacionados

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia