Feijóo destaca a nova Cidade da Xustiza de Vigo como un elemento clave para mellorar a Administración de Xustiza e ofrecer o mellor servizo aos vigueses e aos traballadores Feijóo destaca a nova Cidade da Xustiza de Vigo como un elemento clave para mellorar a Administración de Xustiza e ofrecer o mellor servizo aos vigueses e aos traballadores
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

Feijóo destaca a nova Cidade da Xustiza de Vigo como un elemento clave para mellorar a Administración de Xustiza e ofrecer o mellor servizo aos vigueses e aos traballadores

Resalta que este edificio, que conta co maior investimento que se teña feito en Galicia nunha infraestrutura xudicial: 30 millóns de euros, comezará a funcionar a comezos de 2020

Subliña que neste edificio traballarán se concentrarán todas as dotacións xudiciais da cidade e terá capacidade para albergar ata 55 órganos xudiciais ademais das seccións da Audiencia Provincial e a Fiscalía

O edificio albergará tamén outras unidades relacionadas coa Xustiza, como a Policía Xudicial, a Policía Autonómica e o Imelga; e contará cunha praza para uso público e cunha gardería para os empregados

Recorda que con obxectivo de ofrecer o mellor servizo aos cidadáns púxose en marcha o Plan Senda de novas tecnoloxías, cun investimento de case 50 millóns; e o Plan de infraestruturas xudiciais, cun orzamento que rolda os 100 millóns

Salienta que son xa unha realidade os novos edificios de Ourense e a renovada Fábrica de Tabacos da Coruña; as ampliacións dos edificios xudiciais de Ferrol e Santiago; e o vindeiro ano estará en funcionamento o novo edificio de Pontevedra

Refírese aos últimos datos do paro, que acreditan que Galicia é unha das comunidades con maior descenso do desemprego con 22.900 parados menos o último ano

Vigo, 4 de xuño de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a nova Cidade da Xustiza de Vigo como un elemento clave para mellorar a Administración de Xustiza e ofrecer o mellor servizo aos vigueses e aos traballadores.

Durante unha visita á fase final das obras que farán que este proxecto sexa unha realidade a comezos de 2020, co maior investimento que se teña feito en Galicia nunha infraestrutura xudicial: 30 millóns de euros, Feijóo subliñou que neste edificio se concentrarán todas as dotacións xudiciais da cidade e terá capacidade para albergar ata 55 órganos xudiciais ademais das seccións da Audiencia Provincial e a Fiscalía.

Así mesmo, albergará tamén outras unidades relacionadas coa Xustiza, como a Policía Xudicial, a Policía Autonómica e o Imelga; e contará cunha praza para uso público e cunha gardería para os fillos dos empregados.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta recordou que, co obxectivo de ofrecer o mellor servizo aos cidadáns, se puxo en marcha o Plan Senda de novas tecnoloxías, que supón un investimento de case 50 millóns para modernizar a Administración e convertela nunha auténtica Administración dixital do século XXI; e o Plan de infraestruturas xudiciais, a máis ambiciosa iniciativa de dotación de edificios nesta materia que se levou a cabo en Galicia e que está practicamente finalizado, cun orzamento que rolda os 100 millóns de euros.

Sobre este punto, destacou que son xa unha realidade os novos edificios de Ourense e a renovada Fábrica de Tabacos da Coruña, a ampliación dos edificios xudiciais de Ferrol e de Santiago e que o vindeiro ano estará en funcionamento o novo edificio de Pontevedra.

Feijóo recordou que a Xunta de Galicia é, na actualidade, a institución que máis inviste en Vigo, desenvolvendo proxectos como esta Cidade da Xustiza; a ampliación do barrio de San Paio de Navia, con 6000 novas vivendas protexidas; o futuro Campus do Mar; a ampliación do IFEVI; a apertura da Autovía do Morrazo; a Edar de Lagares;o Campus FP, un proxecto pioneiro que nace para ser unha ponte entre o mundo educativo e o mundo industrial; ou o hospital público Álvaro Cunqueiro.

O presidente da Xunta concluíu referíndose aos últimos datos do paro, que acreditan que Galicia é unha das comunidades con maior descenso do desemprego, con 22.900 parados menos no último ano e con máis de 26.700 novos afiliados á Seguridade Social.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia