Feijóo lembra que grazas á Lei de implantación empresarial en Galicia é posible fundar unha microcooperativa con tan só dous socios Feijóo lembra que grazas á Lei de implantación empresarial en Galicia é posible fundar unha microcooperativa con tan só dous socios
Vídeo do presidente da Xunta na gala

Feijóo lembra que grazas á Lei de implantación empresarial en Galicia é posible fundar unha microcooperativa con tan só dous socios

Afirma que no que vai de ano téñense constituído tantas cooperativas como en todo o 2017

Destaca que Galicia conta con 1329 cooperativas activas

Recorda que a Xunta desenvolve outros instrumentos útiles para o cooperativismo: a Lei de economía social de Galicia e, proximamente, a Estratexia Galega de Economía Social

O Porriño (Pontevedra), 7 de xullo de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lembrou que grazas á Lei de implantación empresarial, aprobada para facilitar a actividade das empresas e que incorpora as cooperativas, en Galicia é posible fundar unha microcooperativa con tan só dous socios.

Feijóo incidiu en que isto pode explicar que no que vai de ano (de xaneiro a xuño) se teñan constituído tantas cooperativas como en todo o 2017 ou que a metade delas sexan microcooperativas. Tamén destacou que Galicia conta con 1329 cooperativas activas. “A economía galega confía cada vez máis neste modelo de empresa máis igualitario, social e responsable”, abundou.

Ademais, recordou que a Xunta vén desenvolvendo outros instrumentos útiles para o cooperativismo: a Lei de economía social de Galicia e, proximamente, a Estratexia Galega de Economía Social na que xa se está traballando. A economía social, que tamén inclúe as sociedades laborais, as empresas de inserción ou os centros especiais de emprego, ten destinados nos orzamentos deste ano 17 millóns de euros, un 6,4% máis que o ano anterior. Engloba 3000 entidades que ocupan a máis de 320.000 persoas e representa o 10% do noso PIB.

Ao longo da súa intervención o presidente da Xunta destacou que o cooperativismo galego non distingue entre sectores nin tamaños de empresa. Puxo como exemplo a Maier Ferroplast, que acolle o evento e é a maior cooperativa industrial de Galicia; e a Sociedade Cooperativa Galega ‘Viña Costeira’, que cumpre 50 anos e recibe o Premio á traxectoria cooperativa.

O titular do Goberno galego incidiu na transversalidade do cooperativismo e lembrou que os dous proxectos ganadores do Certame Cooperativismo no Ensino o CPIF As Mercedes de Lugo e o CPIF Someso da Coruña demostran que tamén chegan ao ámbito sanitario ou da saúde pública. Ao igual que ‘Bico de Grao’, que recolle o Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, constitúe un exemplo de cooperativismo ao servizo da economía verde apostando pola agricultura ecolóxica ou a reciclaxe.

Concluíu destacando a tradicional vinculación do sector primario co movemento cooperativo. Engadiu que moitas cooperativas que están a xurdir no rural buscan cubrir a demanda dos consumidores de coñecer a trazabilidade dos produtos que adquiren e a súa denominación de orixe. “Desde o cooperativismo pódese emprender. E desde o cooperativismo pódese innovar”, sentenciou.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | $atendemolo.getTitle($locale)

Turgalicia