Feijóo garante a aposta pola formación e a experiencia acreditada e salienta que desde 2009 preto de 68.000 persoas conseguiron o seu recoñecemento oficial Feijóo garante a aposta pola formación e a experiencia acreditada e salienta que desde 2009 preto de 68.000 persoas conseguiron o seu recoñecemento oficial
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

Feijóo garante a aposta pola formación e a experiencia acreditada e salienta que desde 2009 preto de 68.000 persoas conseguiron o seu recoñecemento oficial

 “Impulsar a formación é impulsar o emprego cualificado”, di, incidindo en que contar con profesionais cualificados é un compromiso a tres: administracións-empresas- axentes sociais

Destaca a posta en marcha das unidades formativas en empresas, un programa de formación á carta, onde o Goberno galego achega o 100% do financiamento destes cursos e as empresas deciden que especialidades se necesitan impartir

Precisa que desde que en 2011 se activou a primeira das dez convocatorias que se levan posto en marcha para a obtención de acreditacións de experiencia profesional, preto de 11.600 persoas obtiveron o seu título oficial

Lembra que, na actualidade, a Comunidade conta cun plan de formación específico para os traballadores do naval ou do sector forestal; “e aprobaremos no Consello un plan para formar traballadores da automoción”

Incide en que, neste momento, 4 de cada 10 das persoas que están no paro en Galicia non finalizaron a ESO

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso do Goberno galego coa formación e a experiencia acreditada e salientou que, desde 2009, preto de 68.000 persoas conseguiron o seu recoñecemento oficial con validez nacional.

Durante o acto de entrega dos Certificados de Recoñecemento da Experiencia Profesional, Feijóo referiuse á formación como unha oportunidade para traballadores e para empresas. “Impulsar a formación é impulsar o emprego cualificado”, dixo, incidindo en que contar con profesionais cualificados é un compromiso a tres: administracións- empresas-axentes sociais, clave para saber cara a onde se ten que orientar esa oferta formativa e cales son os perfís que máis demanda teñen neste momento.

Ao respecto, destacou a posta en marcha das unidades formativas en empresas, un programa de formación á carta, onde o Goberno galego achega o 100% do financiamento destes cursos e as empresas deciden que especialidades se necesitan impartir para mellorar a cualificación dos traballadores e desempregados. E referiuse tamén aos 100 novos obradoiros duais que van comezar proximamente e que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe de 9 meses con contratos en prácticas de, polo menos, 3 meses máis.

Nesta mesma liña, o presidente da Xunta lembrou que, na actualidade, a Comunidade conta cun plan de formación específico para os traballadores do naval ou do sector forestal; “e aprobaremos no Consello un plan para formar traballadores da automoción”, dixo, subliñando que a Xunta conta este ano cun investimento de 135 millóns de euros para formación e orientación.

En relación ao acto de entrega das acreditacións de competencia 2018, Feijóo resaltou que un total de 1629 galegos participaron nesta convocatoria. “Estamos a falar dunhas certificacións que avalan a vosa experiencia en oficios nos que agora a normativa esixe un título que acredite que estades preparados para exercer ese traballo, como é o caso dos que vos dedicades á atención de persoas dependentes, que sodes o 45% dos que vos presentastes a esta convocatoria; ou os que exercedes como socorristas, un 30% dos acreditados”, precisou.

Así mesmo, recordou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en recoñecer a cualificación das redeiras e, como novidades, este ano tamén incorporou unha nova cualificación en resposta ás necesidades do sector: a de operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio no medio natural e rural, da que houbo case un 4% de presentados.

Logo de explicar que desde que en 2011 se activou a primeira das dez convocatorias que se levan posto en marcha para a obtención de acreditacións de experiencia profesional, preto de 11.600 persoas obtiveron o seu título oficial, o responsable do Executivo autonómico concluíu aseverando que estas cifras colocan a Galicia á cabeza en formación certificable, á que se leva destinado desde 2009 máis de 366 millóns de euros. E incidiu en que, neste momento, 4 de cada 10 das persoas que están no paro en Galicia non finalizaron a ESO.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | $atendemolo.getTitle($locale)

Turgalicia