Feijóo destaca a consolidación do Ifevi como o recinto feiral con máis capacidade de Galicia e coas infraestruturas máis modernas tras a ampliación da súa superficie ata os 38.000 metros cadrados Feijóo destaca a consolidación do Ifevi como o recinto feiral con máis capacidade de Galicia e coas infraestruturas máis modernas tras a ampliación da súa superficie ata os 38.000 metros cadrados
Vídeo do presidente da Xunta na visita ás instalacións de Ifevi

Feijóo destaca a consolidación do Ifevi como o recinto feiral con máis capacidade de Galicia e coas infraestruturas máis modernas tras a ampliación da súa superficie ata os 38.000 metros cadrados

Salienta que o novo pavillón de 5.000 metros cadrados permitirá atender as necesidades de eventos consolidados como Navalia ou Conxemar e acoller outras iniciativas que beneficien ao tecido empresarial da comarca e da Comunidade

Incide en que esta ampliación converte o Ifevi nunha infraestrutura imprescindible para un dos obxectivos que afronta o tecido empresarial: a internacionalización

Subliña que a Comunidade, cun incremento das exportacións do 9,2% durante os cinco primeiros meses do ano, leva prolongando o récord exportador dos últimos cinco exercicios e superando a barreira dos 21.000 millóns de euros

Resalta que, nese mesmo obxectivo de impulsar o crecemento, son xa 88 os concellos que contan coa distinción de Concellos Emprendedores

En relación ao naval, lembra que Galicia suma, no primeiro semestre deste ano, o 39% da actividade en toda España; e os estaleiros galegos rexistraron o 60% dos novos contratos

Sobre o sector da industria e a comercialización ao por maior de produtos pesqueiros, resalta que hoxe 1 de cada 2 euros facturados corresponde a empresas con sede na comunidade

Vigo, 3 de agosto de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a ampliación do Ifevi, cunha superficie total de ata 38.000 metros, consolídao como o recinto feiral con máis capacidade de Galicia e coas infraestruturas máis modernas.

Tras unha reunión coa xunta directiva de Conxemar e unha visita ás instalacións do Ifevi, Feijóo aseverou que o novo pavillón de 5.000 metros cadrados, que contou cun investimento de 3,8 millóns de euros, permitirá atender as necesidades de eventos consolidados como Navalia ou, neste caso Conxemar; pero tamén acoller outras novas iniciativas e oportunidades que beneficien ao tecido empresarial tanto da comarca como da Comunidade. “Hoxe podemos dicir que o Ifevi está preparado para seguir sendo o recinto feiral líder de Galicia e do noroeste de España”, abundou.

Logo de resaltar que este recinto feiral está situado nun emprazamento estratéxico pola súa proximidade ás principais infraestruturas de acceso á cidade, Feijóo lembrou que este espazo naceu coa vocación de servizo para acompañar o crecemento da economía galega, como proba o feito de que Navalia pechase en maio a súa mellor edición, cun 30% máis de expositores e a presenza de máis de 90 países; e que Conxemar, pola súa banda, celebre a súa vixésima convocatoria do 2 ao 4 de outubro, acollendo 110 novos espazos expositores e despois de reunir o pasado ano máis de 600.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta destacou tamén a evolución de dous dos sectores estratéxicos da economía galega: o naval e o sector marítimo pesqueiro.

En relación ao naval, subliñou que Galicia suma, no primeiro semestre deste ano, o 39% da actividade en toda España. E os estaleiros galegos rexistraron o 60% dos novos contratos que suman 9 en total.

Sobre o sector da industria e a comercialización ao por maior de produtos pesqueiros, Feijóo resaltou que hoxe 1 de cada 2 euros facturados corresponde a empresas con sede na comunidade; e Galicia representa máis do 46% da ocupación do sector a nivel nacional.

O responsable do Executivo autonómico incidiu ademais en que esta ampliación converte o Ifevi nunha infraestrutura imprescindible para un dos obxectivos que afronta o tecido empresarial: a internacionalización. Non en van, neste momento, a Comunidade, cun incremento das exportacións do 9,2% durante os cinco primeiros meses do ano, leva prolongando o récord exportador dos últimos cinco exercicios e superando a barreira dos 21.000 millóns de euros.

Feijóo asegurou ademais que a Xunta seguirá traballando para dar resposta as necesidades de Galicia, referíndose á aprobación da Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de especial interese, que fixo posible que se puideran acometer estas obras de ampliación; á aprobación da Lei de implantación empresarial que pon as máximas facilidades administrativas e fiscais ás empresas que queiran investir na Comunidade; ou á posta en marcha de tres plans de formación específicos para os profesionais de sectores como o naval, o forestal ou o da automoción.

Así mesmo, subliñou que, nese obxectivo de impulsar o crecemento e a competitividade, son xa 88 os concellos galegos que acompañan á Administración autonómica, contando coa distinción de Concellos Emprendedores, se ben o concello máis importante desde o punto de vista industrial da provincia de Pontevedra, Vigo, de momento non decidiu baixar os impostos, como si fixeron concellos como o de Mos.

Sobre este punto, concluíu facendo un chamamento á complicidade dos concellos para, cun traballo conxunto entre administracións, baixar os impostos para atraer investimentos e que novas empresas se asenten en Galicia.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia