A Xunta e o Goberno central acordan unha posición común para pedir a Alcoa que retire o ERE extintivo e un paquete de medidas para dar estabilidade á industria electrointensiva

Valora as medidas que vai adoptar o Goberno central: a activación da poxa de interrompibillidade e o pago do custo de compensación de emisións de CO2 previstas ambas para este mesmo ano

Defende a necesidade dun marco estable para as empresas electrointensivas xa que “hai miles de postos de traballo que dependen desta industria”

Insiste na necesidade de manter aberta unha interlocución ao máximo nivel para defender os intereses dos traballadores da Coruña e Avilés, que supoñen 700 postos de traballo

Madrid, 8 de novembro de 2018.- O presidente do Goberno galego acordou esta tarde co Goberno central unha posición común para pedir a Alcoa que retire o ERE extintivo que pretende levar a cabo e un paquete de medidas para dar un marco estable ao conxunto da industria electrointensiva.

Durante a reunión que o presidente da Xunta mantivo esta tarde en Madrid coas ministras de Industria e Transición Ecolóxica, Reyes Maroto e Teresa Ribera, respectivamente, co presidente do Principado de Asturias, Javier Fernández, co alcalde da Coruña Xulio Ferreiro, e coa alcaldesa de Avilés, Mariví Monteserín, acordou a constitución dunha mesa de traballo na que estean presentes o comité de empresa e a propia Alcoa, para avaliar o futuro das plantas de Galicia e Asturias.

Así como xa se fixera na reunión celebrada en outubro con representación do Goberno central, dos gobernos autonómicos e municipais, volveron instar a Alcoa a que retire o ERE extintivo e que se abra un proceso de negociación para encontrar alternativas ás plantas de Galicia e Asturias.

Ao fío disto engadiu a importancia das medidas propostas, tanto as de carácter inmediato como as estruturais. En concreto, valorou que o Goberno central aceptase desenvolver dúas accións de xeito inminente: a activación da poxa de interrompibillidade e o pago do custo de compensación de emisións de CO2 previstas ambas para este mesmo ano.

Así mesmo, o presidente da Xunta considerou fundamental que o Ministerio se comprometese a traballar para acadar un marco enerxético estable para o conxunto da industria electrointensiva, xa que iso terá importancia para a urxencia que supón a situación actual Alcoa pero tamén para toda a industria electrointensiva. “Hai miles de postos de traballo que dependen desta industria”, abundou, citando expresamente a planta que Alcoa ten tamén en Cervo.

Neste senso, Feijóo valorou a posición común adoptada por todas as administracións, xa que “é importante coincidir no diagnóstico e tamén no tratamento do problema”.

Para concluír, recordou que “estamos nunha contrarreloxo, toda vez que o ERE presentado por Alcoa comezou a finais de outubro”. Por isto, insistiu na necesidade de manter aberta unha interlocución ao máximo nivel para defender os intereses dos traballadores da Coruña e Avilés, que supoñen 700 postos de traballo.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia