Feijóo confirma a construción da nova residencia de maiores en Lugo e o compromiso irrenunciable do Goberno galego co AVE á cidade Feijóo confirma a construción da nova residencia de maiores en Lugo e o compromiso irrenunciable do Goberno galego co AVE á cidade
Vídeo do presidente da Xunta e da alcaldesa de Lugo

Feijóo confirma a construción da nova residencia de maiores en Lugo e o compromiso irrenunciable do Goberno galego co AVE á cidade

Subliña que as prazas da nova residencia se sumarán ás 218 prazas da residencia de maiores das Gándaras, ás 58 da residencia da Milagrosa e ás 40 do centro de alzhéimer

Pide un acordo entre as forzas políticas da cidade para que a conectividade de Lugo coa alta velocidade sexa a prioridade de Galicia, despois da conectividade con Ourense

Salienta que o Concello ten á súa disposición horas do servizo de axuda no fogar que non está a usar a pesar de haber lista de espera

No eido educativo, reitera o obxectivo de ampliar o colexio das Mercedes, pendente da licenza de obra do Concello, ao igual que a construción do novo colexio Sagrado Corazón

Expresa o seu convencemento de que o Ministerio de Interior concretará de forma inmediata o estudo e o proxecto construtivo para situar a nova comisaría nas antigas dependencias do hospital

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2017.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras unha reunión coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, a construción da nova residencia de maiores e trasladou o compromiso irrenunciable do Goberno galego co AVE á cidade.

Co obxectivo de seguir avanzado no eido dos servizos sociais, Feijóo trasladou en primeiro lugar á alcaldesa a intención de presentar nas próximas semanas o plan director dunha nova residencia da terceira idade, cuxas prazas se sumarán ás 218 prazas da residencia de maiores das Gándaras, reformada na pasada lexislatura, ás 58 prazas da residencia da Milagrosa e ás 40 prazas do centro de alzhéimer. E recordou tamén que o Concello ten á súa disposición horas do servizo de axuda no fogar que non está a usar a pesar de haber lista de espera.

Ademais de reiterar o compromiso da Xunta co AVE a Lugo, Feijóo aproveitou a reunión para pedir, ante as distintas reivindicacións existentes, un acordo entre o PP, o PSOE e as demais forzas políticas da cidade para que a conectividade de Lugo coa alta velocidade sexa a prioridade de Galicia, despois da conectividade con Ourense; “para que cada vez que falemos co Goberno central, Galicia fale cunha soa voz. O AVE a Lugo é imprescindible e Lugo non vai en ningún caso a aceptar quedar descolgado da alta velocidade”.

En materia de mobilidade, o presidente da Xunta destacou tamén a intención impulsar novos treitos do Plan Paradai e de comezar a traballar para concretalos urbanisticamente.

Ambos os dous mandatarios dedicaron boa parte da xuntanza a avaliar o funcionamento dos servizos do Hospital público de Lugo. Máis polo miúdo, referíronse ao incremento de persoal no servizo de hemodinámica, á unidade de rehabilitación cardíaca e aos servizos de radioterapia e medicina nuclear que, neste momento, están a atender 1.300 pacientes anuais.

No eido educativo, Feijóo reiterou o obxectivo da Xunta de ampliar o colexio das Mercedes, pendente da licenza de obra do Concello, ao igual que a construción do novo colexio Sagrado Corazón.

En materia de vivenda, o presidente da Xunta transmitiu o compromiso de continuar coa rehabilitación da Tinería, onde se solicitaron diversas licenzas municipais para a execución de diversas obras neste 2017.

No tocante á posta en funcionamento do Auditorio de Lugo e ante as dificultades do Concello para afrontar unha parte do seu equipamento, Feijóo propuxo á alcaldesa non cobrar o imposto de bens inmobles ao hospital e aos centros de saúde no termo municipal, ao igual que sucede noutros municipios galegos.

Como último punto da reunión, ambos os mandatarios abordaron a necesidade dunha nova comisaría. Neste sentido, Feijóo expresou o seu convencemento de que o Ministerio de Interior vai concretar de forma inmediata o estudo e o proxecto construtivo para situala nas antigas dependencias do hospital.

Compártao :

Vídeos relacionados

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia