Feijóo obtén do Ministerio de Agricultura o compromiso de aprobar o decreto que certifique a orixe dos produtos lácteos Feijóo obtén do Ministerio de Agricultura o compromiso de aprobar o decreto que certifique a orixe dos produtos lácteos
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

Feijóo obtén do Ministerio de Agricultura o compromiso de aprobar o decreto que certifique a orixe dos produtos lácteos

Expresa o interese de que o novo texto se poida aprobar e publicar no primeiro semestre deste ano

Reitera o compromiso da Xunta de facer desta lexislatura a lexislatura do rural: do crecemento da produtividade, da innovación e da posta en valor da calidade

Afirma que cada vez hai máis empresas que confían en Galicia e no seu sector lácteo, como proba a posta en marcha de diferentes proxectos en Melide, en Arzúa ou en Teixeiro

Subliña que unha de cada dez explotacións xa están dirixidas por mozos menores de 30 anos

Asegura que a Xunta seguirá comprometida coa industria láctea e cos gandeiros, a través de iniciativas como un paquete de máis de 40 millóns para mellorar as condicións financeiras das explotacións gandeiras

Ames (A Coruña), 14 de febreiro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o compromiso do Ministerio de Agricultura de aprobar un decreto que certifique a orixe dos produtos lácteos, de tal xeito que calquera consumidor poida saber nun supermercado cales son os produtos lácteos que proveñen de Galicia.

Logo dunha xuntanza mantida a semana pasada coa ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, Feijóo trasladou a conformidade do Goberno de España –e de acordo coa normativa europea- de aprobar o real decreto para que todos os produtos lácteos que se envasen no país acrediten a orixe do leite dese produto. “Queremos que os consumidores saiban que o leite que están consumindo é leite galego. E se sumamos o selo de Galega 100% ás posibilidades deste real decreto para concretar a orixe dos produtos poderemos conseguir que os consumidores saiban de onde vén o leite, onde se envasa e que produto están consumindo”, aseverou, expresando o interese de que o novo texto se poida aprobar e publicar no primeiro semestre deste ano.

Durante unha visita ás instalacións da nova cooperativa láctea Clun (Cooperativas Lácteas Unidas), Feijóo lembrou que co apoio do Goberno galego o sector está a traballar cara a un futuro mellor a través da mellora da produtividade, da aposta pola innovación e da defensa da calidade, os tres piares, insistiu, nos que asentar o crecemento do sector lácteo galego a medio e longo prazo.

Feijóo reiterou o compromiso do Executivo autonómico de facer desta lexislatura a lexislatura do rural: do crecemento da produtividade, da innovación e da posta en valor da calidade.

Ao respecto, destacou a aposta de cooperativas como Clun pola produtividade do sector. Non en van, neste mes e medio Cooperativas Lácteas Unidas logrou reducir os gastos fixos aos que tiñan que facer fronte Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños. A unión das tres fábricas de pensos, os tres surtidores de gasóleo e as cinco tendas agrarias permite obter mellores prezos nas subministracións. A unión dos máis de 3.500 produtores permite que Clun teña unha interlocución máis potente na industria e na transformación e a unión dos servizos técnicos e económicos permiten traballar de xeito máis eficiente para mellorar as explotacións e os custos de produción.

No eido da innovación, o responsable autonómico afirmou que o nacemento desta cooperativa permitiu tamén apostar con máis forza por este eixo para mellorar os procesos do día a día da vida gandeira. E neste sentido referiuse a modo de exemplo ao proxecto Cattlecare, que está a desenvolver diversas ferramentas para mellorar a xestión das explotacións gandeiras como a monitorización do gando para entender mellor o seu comportamento e poder establecer patróns e mellora da xestión de recursos como os pensos, a través da comprobación a tempo real do estado dos silos.

Confianza en Galicia e no sector


Ademais do Cattlecare, Feijóo subliñou que a Xunta –a través do programa Conecta Peme- está a apoiar outros proxectos enmarcados dentro do sector, entre os que destacou unha iniciativa que aplicará a nanotecnoloxía para desenvolver alimentos funcionais para persoas con alerxias e intolerancias alimentarias e outra encamiñada a desenvolver tecnoloxías que detecten micotoxinas nos pensos.

O presidente da Xunta subliñou tamén o apoio para promover proxectos de dinamización do sector gandeiro como o impulso dunha plataforma para investigar sobre o concepto de granxa intelixente ou dun método de xestión integral da explotación gandeira desde calquera dispositivo con acceso a internet.

Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que cada vez hai máis empresas que confían en Galicia e no sector, como proba a posta en marcha dun proxecto en Melide para construír unha torre de secado do leite, o investimento de 16 millóns de euros en Vilalba para ampliar unha planta queixeira, o nacemento en Arzúa dunha empresa para producir queixo de tipo parmesano e a iniciativa de investir en Teixeiro 70 millóns para a fabricación de alimentos funcionais, clínicos, deportivos e infantís.

Despois de subliñar que unha de cada dez explotacións xa están dirixidas por mozos menores de 30 anos, o titular da Xunta afirmou que a Administración autonómica seguirá comprometida coa industria láctea e cos gandeiros, a través de iniciativas como un paquete de máis de 40 millóns de euros para mellorar as condicións financeiras das explotacións gandeiras.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a

Turgalicia