Feijóo informa a Ferreiro de que a Xunta ten investidos 300 millóns na cidade desde 2009, aos que se sumarán, como mínimo, 260 millóns máis que xa están en marcha ou previstos Feijóo informa a Ferreiro de que a Xunta ten investidos 300 millóns na cidade desde 2009, aos que se sumarán, como mínimo, 260 millóns máis que xa están en marcha ou previstos
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta

Feijóo informa a Ferreiro de que a Xunta ten investidos 300 millóns na cidade desde 2009, aos que se sumarán, como mínimo, 260 millóns máis que xa están en marcha ou previstos

De acordo cos profesionais, institucións e sociedade, A Coruña terá un novo hospital, “un complexo hospitalario público na cidade con dúas opcións: ampliar ata 50.000 m2 a superficie actual ou propoñer un novo emprazamento”

Solicita ao Concello unha localización axeitada para poder facer un novo centro de saúde na zona de Federico Tapia

Avanza a construción do novo colexio en Novo Mesoiro, coa previsión de que estea en funcionamento para o curso escolar 2020/21

Salienta que a nova residencia de maiores, conta xa cos terreos e será licitada nos primeiros meses de 2019

Recorda que xa se están a construír as vivendas de promoción pública no Parque Ofimático

“E xa temos en tramitación a futura Lei de rehabilitación, que permitirá declarar unha área Rexurbe nesta cidade”, di, precisando a intención de comezar polo barrio do Orzán

Afirma que as obras de conexión da Vía Ártabra coa N-VI se licitarán este mesmo mes no treito que depende da Administración autonómica

Subliña tamén o Plan de sendas na comarca, con actuacións en case 6 quilómetros e os avances na mellora dos accesos ao Polígono de Sabón

Lamenta os atrasos en relación coa intermodal e incide no interese da Xunta en tramitala o antes posible

Logo de investir a Xunta máis de 100 millóns de euros na ría do Burgo, lembra que é o Goberno central debe acometer a dragaxe da ría

En relación cos terreos da Solana, insiste na proposta de construír o ferrocarril financiado polo ministerio de Fomento e de achegar 20 millóns da Xunta para recuperar os peiraos interiores

A Coruña, 4 de decembro de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe, durante unha xuntanza co alcalde Xulio Ferreiro avances nos proxectos fundamentais para a cidade e novas iniciativas para facer unha A Coruña con máis benestar, máis servizos e con máis infraestruturas e mobilidade, nesta liña aseverou que a Xunta ten investidos máis de 300 millóns desde 2009, aos que se sumarán, como mínimo, 260 millóns máis, que xa están en marcha ou previstos.

Durante a reunión, o titular da Xunta referiuse en primeiro lugar a Alcoa, ao futuro da fábrica e aos traballadores que ven en risco os seus empregos. Ao respecto, incidiu na necesidade de que a compañía negocie sen ultimatos e, simultaneamente, o Goberno central estableza un marco do prezo da enerxía para as empresas electrointensivas, “xa que sen el estamos facilitando a marcha de Alcoa e poñendo en cuestión o mantemento de 5.000 postos de traballo en Galicia”, abundou.

Máis benestar

Feijóo reiterou que a prioridade da Xunta na Coruña é continuar mellorando os servizos públicos, como proban os 50 millóns de euros que entre 2009 e 2015 se investiron na cidade nesta materia e que fixeron posible: que estean funcionando as novas urxencias, que multiplicaron por 5 a superficie anterior; o novo bloque cirúrxico, con 15 novos quirófanos (incluído o híbrido de última xeración); o novo servizo de radiodiagnóstico; a nova central de esterilización; ou tamén o novo centro de saúde en Novo Mesoiro.

Nesta mesma liña, o responsable do Goberno galego solicitou ao Concello unha localización axeitada para poder facer un novo centro de saúde na zona de Federico Tapia, ao que engadiu que a Administración autonómica está a executar as obras das urxencias do Materno-infantil, que xa están na súa fase final grazas a un investimento de 1,2 millóns de euros.

E tamén reiterou a decisión de continuar coa renovación das instalacións do hospital universitario da Coruña que, cun investimento de 11,4 millóns de euros – 7 xa están licitados- incluirá melloras tan importantes como a reforma do hospital de día.

Así mesmo, constatou a iniciativa da Xunta de facer un novo hospital na Coruña, “un complexo hospitalario público na cidade con dúas opcións: ampliar ata 50.000 m2 a superficie onde está actualmente o hospital, ocupando solares adxacentes; ou propoñer un novo hospital nun novo emprazamento”, contando coa participación dos profesionais, as institucións e a cidade.

No ámbito da educación pública, aseverou que a principal actuación de futuro nesta materia é a construción do novo colexio en Novo Mesoiro. Así, avanzou que esta infraestrutura, cuxa previsión é que estea en funcionamento para o curso escolar 2020/21, conte cunha capacidade para 450 alumnos.

En materia de benestar, Feijóo subliñou que, se ben o balance dos últimos anos inclúe tres novas escolas infantís públicas e dous novos centros de día. O obxectivo do Executivo autonómico é seguir incrementando o acceso dos coruñeses aos servizos públicos e, con ese fin, impulsarase nesta lexislatura unha nova residencia de maiores na cidade; un proxecto que conta xa cos terreos, e que “esperamos poder licitar nos primeiros meses de 2019”.

Máis servizos

En relación á vivenda, o titular do Goberno galego recordou que xa se están a construír as vivendas de promoción pública no Parque Ofimático. Unha iniciativa que porá á disposición dos cidadáns que máis o precisan 40 vivendas de promoción pública. “E xa temos en tramitación a futura Lei de rehabilitación, que permitirá declarar unha área Rexurbe nesta cidade”, dixo, precisando a intención de comezar polo barrio do Orzán, ademais de subliñar as actuacións nas novas áreas de rehabilitación integral xa declaradas na Coruña -Casas de Franco, Labañou e Núcleo de Elviña-.

E, co fin de prestar un mellor servizo aos cidadáns que teñan máis dificultades para acceder a unha vivenda, Feijóo pediu ao alcalde que o Concello se incorpore –como xa fixeron moitos outros concellos- ao Programa de vivendas baleiras, posto en marcha de acordo coa Fegamp.

En relación á mobilidade na área da Coruña, o presidente da Xunta referiuse á conexión da Vía Ártabra coa N-VI, que se licitará este mesmo mes no treito que depende da Administración autonómica. “E seguiremos reclamando ao Goberno central no relativo á conexión coa AP-9 que lle compete”, engadiu.

Feijóo destacou tamén o Plan de sendas na comarca, con actuacións en case 6 quilómetros -unha das máis importantes, a pasarela entre A Grela e Marineda que estará finalizada no primeiro cuadrimestre de 2019-; ou os avances na mellora dos accesos ao Polígono de Sabón, a ampliación da avenida da Deputación e o terceiro carril en dirección Fisterra. Sobre a ampliación de Alfonso Molina, Feijóo incidiu na necesidade de que se desbloquee no menor tempo posible.

Ao longo da xuntanza, e en relación á estación intermodal, o responsable autonómico lamentou os atrasos ante as discrepancias co Concello, e trasladou tres propostas: pechar o convenio canto antes, concretando as responsabilidades de cada Administración e cun investimento da Xunta de 15 millóns de euros; licitar posteriormente o proxecto básico; e valorar para “gañar uns meses” a posibilidade de tramitar a intermodal pola Lei de obras de interese público ou por unha modificación puntual do PXOM.

En materia de mobilidade, ambos falaron tamén do transporte, constatando que o transporte metropolitano que funciona desde 2011 segue a ser un éxito. E confirmaron tamén que a penetración do transporte metropolitano na cidade foi ben recibida entre os veciños e está funcionando de maneira axeitada. Non en van, só nas liñas incluídas na 1ª fase rexistrouse un incremento dos viaxeiros nun 10 %.

Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo animou ao alcalde a que estenda a gratuidade das liñas urbanas aos menores de 19 anos, tendo en conta que é unha competencia do Concello, “como facemos nós nos treitos interurbanos que son competencia da Xunta”. E, no tocante á unha posible creación da Área Metropolitana da Coruña, trasladou a necesidade de que sexa acordada por todos os concellos.

Na reunión, ambos abordaron tamén os temas relacionados co saneamento, recordando que a Xunta xa acometeu todas as actuacións de responsabilidade autonómica, tras un investimento de máis de 100 millóns na ría do Burgo. “En novembro completáronse as últimas obras: o tanque de tormentas en Santa Cruz, e os bombeos do Temple e da Pasaxe. E o que queda agora é acometer a dragaxe da ría, unha actuación que debe acometer o Goberno central”, asegurou.

Por outra banda, comentou varios temas ao respecto de diferentes edificios ou proxectos de interese para a cidade, entre os que destacou o peche do Museo de Arte Contemporánea. “Unha decisión que a Xunta non comparte”, reiterou, insistindo na necesidade de que a empresa estableza unhas pautas de mantemento da colección que está no edificio.

Feijóo fixo fincapé no compromiso da Xunta coa reforma do edificio Gregorio Hernández; unha actuación que cun investimento de máis de 6,5 millóns de euros reformará a antiga sede da Consellería de Sanidade para poñer á disposición dos coruñeses, entre outros servizos, unha área para menores e persoas en exclusión, outra para formación, e outro para instalar a base do 061.

Por último, lembrou a necesidade de, entre todos, ser capaces de buscar unha solución no relativo aos terreos da Solana, un proxecto fundamental para o futuro da Coruña. Ao respecto, recordou o acordo firmado co Ministerio de Fomento con dous obxectivos: asegurar o financiamento público da conexión ferroviaria desde o porto actual da Coruña ao porto exterior por un importe de 140 millóns, e un investimento da Xunta de 20 millóns de euros para recuperar para a cidade o porto interior.
 

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia