Feijóo traslada a confirmación da ministra de Defensa da aprobación no Consello de Ministros de mañá do gasto “por fin” para a construción das F-110

Destaca o investimento de máis de 4.300 millóns de euros e os 7.000 postos de traballo vinculados á construción das F-110

Incide en que o porto exterior contará no horizonte 2021 con acceso ferroviario, que o fará máis competitivo

Salienta que aos 200 millóns para o saneamento da ría hai que sumar outros sete millóns máis para o saneamento da zona da Malata

Resalta a vertente turística da comarca, apostando por proxectos que aínda perduran como a Ruta da Construción Naval, ou apoiando a candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade
 

Ferrol, 13 de decembro de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe a confirmación por parte da ministra de Defensa da aprobación no Consello de Ministros de mañá do gasto, “por fin”, para a construción das cinco fragatas F-110, que suporán un investimento de más de 4.300 millóns de euros e que dará traballo a máis de 7.000 persoas. “Espero que a partir de mañá se aprobe a orde de inicio da construción e poidamos por fin recuperar o tempo perdido no presuposto de 2019 e 2020, despois de ter consignado no orzamento de 2018, desde xuño, 250 millóns euros”, precisou.

Feijóo destacou deste xeito que o espírito emprendedor e o traballo conxunto permitirá á comarca de Ferrol afrontar a próxima década cunha ría saneada, cun Porto Exterior máis competitivo e con carga de traballo no sector naval.

Durante o acto de entrega do Galardón Empresarial COFER da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, o titular da Xunta referiuse, no eido do naval, ademais das F-110, á construción de varios bloques das cinco corvetas para Arabia Saudita; ou á construción do segundo buque de aprovisionamento para Australia, xunto cos novos proxectos que se poidan formalizar no ámbito da eólica mariña.

E incidiu, ademais, en que o Porto Exterior contará no horizonte 2021 con acceso ferroviario, que o fará máis competitivo en toda a fachada atlántica do sur de Europa, ao complementar a súa conectividade.

Así mesmo, salientou que Ferrol tamén se prepara para a próxima década cunha ría saneada, grazas a un investimento de máis de 200 millóns, ao que hai que sumar outros sete millóns máis para o saneamento da zona da Malata. Un saneamento do que se beneficiarán as 500 familias que viven actualmente do marisqueo, un sector de peso na economía da comarca.

O presidente da Xunta non quixo esquecer tampouco a vertente turística da comarca, apostando por proxectos que aínda perduran como a Ruta da Construción Naval, ou apoiando a candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade. Non en van, a cidade é inicio do Camiño Inglés e cada ano visítana máis de 40.000 cruceiristas.

Capacidade industrial da comarca

Ao longo da súa intervención, Feijóo fixo fincapé na capacidade industrial da comarca e do sector naval. E aseverou que se na Comunidade se cumpren xa máis de cinco anos de récord nas cifras de exportacións, superando en 2017 a barreira dos 21.000 millóns de euros, é porque o tecido empresarial galego soubo abrir novas portas e atopar novas vías para sortear os obstáculos que a crise puxo por diante. “Emprendedores e empresas fixeron da diversificación un valor á alza”, dixo, lembrando que a Taxa de Actividade Emprendedora (TAE) en Galicia, en 2017, creceu.

Sobre este punto, precisou que, segundo o INE, a creación de empresas aumentou na Comunidade un 3,1% en outubro con respecto ao mesmo mes de 2017. E o 23% das novas iniciativas empresariais que están xurdindo son innovadoras.

Por último, Feijóo tivo palabras de recoñecemento para Isidro Silveira Cameselle e para o seu fillo Chino Silveira. “A el e a toda a súa familia lles debemos que Ferrol se sinta verdiblanco”, dixo.

Nesta mesma liña, lembrou que Chino Silveira fundou o consorcio Galictio xunto a outras tres compañías, e que hoxe é un fiel reflexo de como o sector naval desta ría, e tamén desde o ámbito privado, foi diversificando e internacionalizando a súa actividade: primeiro, desenvolvendo diversos proxectos navais en países como Brasil e Uruguai; e, agora, convertida nun dos socios de referencia de Navantia e Windar Renovables no ámbito da eólica mariña.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia