A Xunta autoriza a extensión do modelo de autobús compartido para garantir a mobilidade no medio rural A Xunta autoriza a extensión do modelo de autobús compartido para garantir a mobilidade no medio rural
O presidente da Xunta, en rolda de prensa

A Xunta autoriza a extensión do modelo de autobús compartido para garantir a mobilidade no medio rural

Feijóo destacou como novidade que a integración do transporte escolar realizarase en función dos centros educativos
 

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe de que o Consello da Xunta autorizou a extensión do modelo de autobús compartido para garantir a mobilidade no medio rural. Esta modalidade fai posible empregar as prazas vacantes dos autobuses escolares para o transporte regular de pasaxeiros. Feijóo lembrou que isto permitiu que desde 2017 “300.000 usuarios aproveitaran prazas que anteriormente estaban vedadas para os viaxeiros normais e que ían baleiras nos autobuses escolares”.

Feijóo avanzou que a Xunta vai a cumprir o compromiso de “renovar todo o mapa de servizos de autobús interurbano da comunidade a través do Plan de Transporte Público de Galicia” no ano 2019. O presidente da Xunta incidiu en que xa na primeira fase se reforzará a aposta polo autobús compartido, de forma que se prevé que esta modalidade acade preto do 35% do transporte escolar da comunidade. “Imos a licitar 1.917 rutas que chegarán a 280 centros educativos e suporán 100 contratos”, engadiu.

A primeira fase, que se someterá a información pública, consolidará a renovación do sistema de transporte público interurbano posta en marcha en agosto de 2017 en parte do territorio galego. Quedaría cuberta toda a provincia de Ourense, gran parte da provincia de Lugo, preto da metade da de Pontevedra e bastantes zonas da provincia da Coruña.

A segunda fase de reorganización das liñas de transporte de Galicia farase a finais de 2019 co obxectivo de que “o 55% do total do transporte escolar sexa compatible co transporte de viaxeiros”.

Feijóo destacou como novidade que, fronte ao que xa está a funcionar desde 2017, “a integración do transporte escolar realizarase en función dos centros educativos”. Isto significa que serán compartidas todas as liñas relacionadas cun colexio para facilitar a xestión e atención aos usuarios. Desta forma, deixarán de convivir nun único centro de ensino liñas de autobús compartido con outras que non o son.

A Consellería de Educación conservará as súas competencias respecto da declaración do dereito ao transporte por parte dos escolares, así como a organización das áreas educativas, horarios e xornadas. Ademais, garantirase o correcto funcionamento do transporte dos escolares, blindando a atención das necesidades do alumnado con respecto aos horarios e paradas.

Desde a posta en marcha do autobús compartido en 2017 incrementáronse un 37% o número de quilómetros percorridos, triplicáronse o número de paradas e rebaixáronse as tarifas, nalgúns casos ata o 80% de abaratamento. Feijóo destacou que “as enquisas realizadas revelan que 3 de cada 4 cidadáns consultados avalían positivamente os servizos de autobús compartido”.

Compártao :

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia