Feijóo di que os grandes cambios que experimentou Galicia nas últimas décadas non se explican sen o binomio emigración-democracia Feijóo di que os grandes cambios que experimentou Galicia nas últimas décadas non se explican sen o binomio emigración-democracia
O presidente da Xunta interveu no acto de imposición das Medallas do Parlamento de Galicia 2019

Feijóo di que os grandes cambios que experimentou Galicia nas últimas décadas non se explican sen o binomio emigración-democracia

Recorda que aínda que formalmente as orixes do Parlamento de Galicia se remontan á Constitución e ao Estatuto de Autonomía, o desexo de agrupar as vontades dos galegos nunha cámara representativa vén de lonxe

Asevera que a emigración galega é un fenómeno de globalización desprovisto de características negativas e que respecta ás ideas e costumes alleos

Refírese aos 14 centros integrantes do Consello de Comunidades galegas que representan ao conxunto da nosa emigración e que foron galardoados hoxe como unha pequena embaixada que fai que Galicia non teña fronteiras

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que os grandes cambios que experimentou Galicia nas últimas décadas non se explican sen o binomio que forman a emigración e a democracia.

Durante o acto de imposición das Medallas do Parlamento de Galicia 2019, Feijóo lembrou que aínda que formalmente as orixes desta institución se remontan á Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía de Galicia, o desexo de agrupar as vontades dos galegos nunha cámara representativa, vén de lonxe. “Moito antes de que existira esta asemblea que recolle inquedanzas dos galegos para transformalas en decisións colectivas, houbo parlamentos galegos alí onde vivía unha comunidade emigrante”, abundou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse á emigración galega como un fenómeno de globalización desprovisto de características negativas e que respecta ás ideas e costumes alleos “O galego non necesita desarraigarse para formar parte da sociedade que o acolle. Desde o principio incorpórase a ela e non quere ser un corpo estraño que poida ser visto como intruso ou visitante accidental, pero iso non implica esquecer a súa procedencia”. Tanto é así, dixo, que a emigración galega é un factor decisivo no desenvolvemento dos países de acollida ao tempo que serve de espello no que mirarse para os galegos da casa.

Logo de aseverar que os galegos de todos os hemisferios forman unha grande irmandade, o presidente da Xunta referiuse ao conxunto da nosa emigración representada nas asociacións do Consello de Comunidades galegas galardoadas coas medallas como unha pequena embaixada que fai que Galicia non teña fronteiras. Con verbas de agradecemento para os 14 centros: a Unión de Asociacións Galegas en Catalunya; o Centro Gallego de Salamanca; a Agrupación Hijos de Galicia en Sestao; o Lar Gallego de Sevilla; a Xuventude de Galiza-Centro Galego de Lisboa; o Centro Cultural Gallego de Cuxhaven; o Centro Galego de Londres; a Asociación Cultural ASC ‘As Xeitosiñas’ Grupo de Baile e Banda de Gaitas de Zürich; a Unidad Gallega dos Estados Unidos; o Centro Pontevedrés Social y Deportivo de Montevideo; a Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas da Arxentina; a Sociedad Cultural Rosalía de Castro de Cuba; a Casa de Galicia de Montevideo; e a Hermandad Gallega de Venezuela.

Finalmente, o titular do Goberno galego concluíu a súa alocución reivindicando a democracia representativa nun momento, o actual, no que está a ser cuestionada por forzas políticas de diferente signo e no que hai quen se apresura, indicou, a “pechar ou substituír os parlamentos”.

Vídeos relacionados

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia