Feijóo felicita aos alumnos galegos que acadaron medallas nas Spainskills e aos seus docentes, exemplos do alto nivel da FP en Galicia Feijóo felicita aos alumnos galegos que acadaron medallas nas Spainskills e aos seus docentes, exemplos do alto nivel da FP en Galicia
Vídeo do presidente na recepción ao alumnado premiado nas SpainSkills

Feijóo felicita aos alumnos galegos que acadaron medallas nas Spainskills e aos seus docentes, exemplos do alto nivel da FP en Galicia

Destaca o labor e a implicación de todo o sistema educativo e incide en que, grazas ao esforzo conxunto, a FP galega é sinónimo de calidade, profesionalidade e emprego

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, felicitou hoxe aos nove alumnos galegos que acadaron medallas nas SpainSkills e aos seus docentes, exemplos, dixo, do alto nivel da FP en Galicia.

Logo das olimpíadas nacionais de FP, nas que a Comunidade participou en 26 categorías a través dos gañadores do certame autonómico, Feijóo aproveitou o acto para trasladar o recoñecemento a todos os participantes e, moi especialmente, aos galardoados. “Parabéns para Iria, medalla de bronce na categoría de Atención sociosanitaria, o mesmo galardón que acadaron: Víctor, na categoría de Cociña; Alejandro, en Administración e sistemas en rede; Leonardo e Rafael en Mecatrónica, e Brais en Tecnoloxía do Automóbil. E parabéns, tamén, para David, medalla de prata na categoría de Fresado”, resaltou, referíndose, ademais, aos gañadores das medallas de ouro en Ebanistería e en Panadería, Brais e Yamila, respectivamente, aos que desexou sorte nas vindeiras competicións: o WorldSkills 2019, en Rusia, e o EuroSkills 2020, en Austria.

Durante a súa intervención, o responsable do Goberno galego destacou o labor e a implicación de todo o sistema educativo que conforma a Formación Profesional galega para, a través da innovación, convertela nunha opción de futuro atractiva para os máis novos; nun modelo de formación útil para as persoas que a cursan; e para a sociedade, fomentando a competitividade do tecido produtivo con profesionais ben formados.

“Estes galardóns non só recoñecen o voso esforzo e a vosa dedicación e determinación, senón tamén o traballo dos centros públicos nos que vos formastes e, por suposto, dos docentes que vos acompañaron nesta etapa”, dixo, incidindo en que grazas ao esforzo conxunto a FP galega é sinónimo de calidade, profesionalidade e emprego.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia