Feijóo salienta o traballo dos profesionais da xestión sanitaria para, día a día, garantir unha sanidade pública galega innovadora e perdurable no tempo Feijóo salienta o traballo dos profesionais da xestión sanitaria para, día a día, garantir unha sanidade pública galega innovadora e perdurable no tempo
Vídeo da intervención do presidente da Xunta no 21 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria

Feijóo salienta o traballo dos profesionais da xestión sanitaria para, día a día, garantir unha sanidade pública galega innovadora e perdurable no tempo

Subliña que a xestión sanitaria é unha responsabilidade sempre inacabada e en permanente mellora,“porque sempre hai novas patoloxías que atender, novas realidades sociais ás que facer fronte e xorden novas formas de organización”

Incide na importancia da innovación para o tratamento de dúas realidades sanitarias: o incremento exponencial de pacientes crónicos e a medicina personalizada en determinadas patoloxías

Resalta a importancia do traballo conxunto das administracións e profesionais para “elaborar un amplo informe sobre as solucións que require a Sanidade Pública” di, incidindo en que a mellora do sistema esixe a mellora do seu financiamento

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía o traballo dos profesionais da xestión sanitaria para, día a día, garantir unha sanidade pública galega innovadora e perdurable no tempo.

Durante a inauguración do 21 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria, Feijóo trasladou o agradecemento e “recoñecemento sincero” aos traballadores do Servizo Galego de Saúde polo seu traballo, dedicación e compromiso e por facelo en todas as frontes -calidade, axilidade, seguridade e legalidade- as 24 horas os 365 días ao ano. “Non deixastes nunca de traballar pola mellora do sistema”, dixo, subliñando que a celebración de actos como este congreso proban que a xestión sanitaria é unha responsabilidade sempre inacabada e sempre en permanente mellora, “porque sempre hai novas patoloxías que atender, novas realidades sociais ás que facer fronte, técnicas e instrumentos que se van quedando atrás e xorden novas formas de organización”.

Ademais de aplicar mellores tratamentos, o responsable do Goberno galego aseverou que innovar significa tamén que os pacientes se trasladen menos veces ao hospital; garantir que poidan trasladar dúbidas aos seus médicos sen necesidade de presenza física; mellor formación para o diagnóstico; mellores procesos asistenciais; melloras para os profesionais; máis información aos pacientes; “e significa tamén aforro económico”, engadiu, referíndose ao proceso de dixitalización das imaxes.

“En definitiva, estamos a falar de vantaxes evidentes e imprescindibles para o futuro da Sanidade Pública”, dixo, lembrando ademais o poder da innovación para o tratamento de dúas realidades sanitarias: o incremento exponencial de pacientes crónicos e a medicina personalizada en determinadas patoloxías.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu na importancia do traballo conxunto das administracións e profesionais “para elaborar un amplo informe sobre as solucións que require a Sanidade Pública”, dixo, incidindo en que a mellora do sistema sanitario público esixe a mellora do seu financiamento.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia