Declaración institucional da Xunta co motivo do Día de Europa Declaración institucional da Xunta co motivo do Día de Europa
Acto de izado da bandeira da Unión Europea co gallo da conmemoración do Día de Europa

Declaración institucional da Xunta co motivo do Día de Europa

O 9 de maio de 1950 Robert Schuman, entón ministro de Relacións Exteriores de Francia, apuntalou as bases do proxecto europeo a través dunha histórica declaración, que sentou os cimentos do maior período de prosperidade e de convivencia pacífica na historia de Europa.

Aínda que só fose por iso, a Unión Europea paga a pena, e non deberiamos esquecelo na conmemoración do Día de Europa. Máis aínda, se cabe, na xornada en que arrinca a campaña electoral duns comicios europeos transcendentais e marcados polas negociacións ao redor da saída do Reino Unido e polo auxe de movementos populistas e nacionalistas que poñen en dúbida moitos dos logros acadados ata agora e que se abren camiño nas institucións europeas atacando o propio proceso de integración.

No actual momento convulso, hai que recordar que toda crise ofrece oportunidades para os que as buscan, e saen fortalecidos dela. Por iso a Xunta de Galicia traballa para minimizar o impacto do brexit na sociedade e no tecido empresarial galego e para identificar as oportunidades que poidan xurdir durante este proceso, dando apoio e información práctica aos principais actores económicos e sociais galegos implicados.

E traballa tamén de cara ao novo marco financeiro plurianual 2021-2027, en que Galicia e os galegos nos xogamos tanto. Neste escenario, a participación activa dos galegos e galegas nas eleccións do 26 de maio resultará esencial para definir e reforzar a posición de Galicia dentro da Unión Europea posterior a 2020.

Hoxe máis que nunca toca reivindicar unha visión común para unha futura Unión forte e cohesionada. Ante as ameazas, a solución pasa por máis Europa e máis Unión. Lonxe de botarnos atrás, reforzamos a nosa posición e redobramos o noso compromiso co proceso de integración europeo.

E Galicia ten moito que dicir neste proceso. O Finis Terrae, unha rexión periférica que se abriu a España e a Europa, que medrou 12,5 puntos en PIB per cápita dende o ano 2000 grazas en parte ao bo uso dos fondos europeos, que é un exemplo de cooperación co norte de Portugal e que se gaba da Ruta Xacobea, crisol de culturas e pobos que estaba xa presente nos albores da idea de Europa.

Apostamos por unha Europa unida, garante da dignidade humana, da liberdade e da igualdade. Unha Europa economicamente forte, cohesionada e solidaria, que faga fronte aos retos globais dende unha fronte común, que siga a ser unha potencia de primeira orde e na que todos nos sintamos cómodos.

Vídeos relacionados

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia