A Xunta impulsará a formación á carta e axeitada ás demandas do tecido empresarial de 2.800 traballadores e persoas desempregadas A Xunta impulsará a formación á carta e axeitada ás demandas do tecido empresarial de 2.800 traballadores e persoas desempregadas
Declaracións do presidente da Xunta

A Xunta impulsará a formación á carta e axeitada ás demandas do tecido empresarial de 2.800 traballadores e persoas desempregadas

Feijóo sinala que se investirán máis de 5M€ para poñer en marcha nas vindeiras semanas 264 unidades en 88 empresas galegas

Explica que haberá dous tipos de unidades formativas: as destinadas a cualificar a traballadores en activo e as destinadas a formar a persoas desempregadas
 

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, no Consello da Xunta, da resolución da convocatoria do programa de unidades formativas no que se investirán máis de 5M€ para poñer en marcha nas vindeiras semanas 264 unidades e cualificar á carta a 2.800 traballadores e persoas desempregadas en 88 empresas galegas.

Feijóo insistiu en que este é o único programa do Estado que ofrece formación á carta e financiada ao 100% dirixida ao tecido empresarial. Se sumamos esta resolución á do ano pasado, dixo, concluímos que a Xunta está investindo 12,7M€ para chegar a 7.000 persoas.

Dous tipos de unidades

As unidades formativas destinadas a persoas desempregadas apoiarán a formación dun total de 1.787 persoas en 122 unidades e 31 empresas de sectores como o da automoción, a carpintería metálica ou as estruturas metálicas.

Ademais, o titular do Goberno sinalou que se inclúe o compromiso por parte do tecido empresarial de contratar polo menos ao 40% do alumnado, é dicir, a 715 persoas e que se apoiará ás compañías cando as contratacións superen esa porcentaxe mínima. Para estes casos, indicou, os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7.000 e 16.000 euros, correspondendo as máis elevadas aos colectivos con especiais dificultades para atopar emprego.

Do mesmo xeito, Feijóo explicou que a proposta das empresas deseñáronse 9 programas de formación á carta que foron aprobados polo Estado e terán validez en toda España.

Por outra banda, no caso das unidades formativas dirixidas a traballadores en activo, poñeranse en marcha 142 unidades coas que cualificar a 1.000 traballadores e traballadoras en 57 empresas que deberán pertencer a sectores considerados estratéxicos como o da automoción, naval ou o TIC.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia