Feijóo di que a estabilidade seguirá inspirando as políticas da Xunta e salienta que o Goberno galego traballa na elaboración dos Orzamentos 2020 con rebaixas fiscais e máis investimento social Feijóo di que a estabilidade seguirá inspirando as políticas da Xunta e salienta que o Goberno galego traballa na elaboración dos Orzamentos 2020 con rebaixas fiscais e máis investimento social
Vídeo da intervención do presidente

Feijóo di que a estabilidade seguirá inspirando as políticas da Xunta e salienta que o Goberno galego traballa na elaboración dos Orzamentos 2020 con rebaixas fiscais e máis investimento social

Destaca, ademais, que Galicia seguirá apostando pola innovación, con incentivos fiscais ao investimento innovador e mediante programas como Innovapeme; e pola formación, a través, por exemplo, das Unidades Formativas

Lamenta que o Goberno de España siga, a estas alturas do ano, sen idea dos orzamentos de 2019, cando xa estamos iniciando o segundo semestre do ano

Confirma que a relación de Galicia co Goberno central seguirá baseándose na esixencia e na fidelidade institucional

Subliña que Galicia é unha autonomía cuxa forza radica na sociedade e nas súas empresas, “empresas como as da AGEF: estables, flexibles e en permanente evolución”

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a estabilidade seguirá inspirando as políticas da Xunta e salientou que o Executivo autonómico iniciou xa os traballos para a elaboración dos Orzamentos 2020; un documento en cernes, aseverou, que grazas ao rigor e á solvencia da Comunidade, pretende contemplar unha política fiscal á baixa, un incremento dos investimentos reais e un maior investimento social.

Durante a celebración da XIX Asemblea xeral de socios da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), Feijóo destacou, ademais, que Galicia seguirá apostando pola innovación, con incentivos fiscais ao investimento innovador e mediante programas como Innovapeme; e pola formación, a través, por exemplo, da terceira convocatoria de Unidades Formativas, coas que se ten destinado, ata o de agora, máis de 5 millóns de euros para o desenvolvemento de 264 cursos en 84 empresas galegas, co obxectivo de beneficiar a preto de 3.000 persoas.

Ao longo da súa intervención, Feijóo sinalou que o tecido empresarial ten dereito a pedirlle certezas básicas á política, “e os políticos teñen o deber de ofrecelas”, dixo, lamentando que o Goberno de España, a estas alturas do ano, siga sen unha idea dos orzamentos de 2019, “cando estamos iniciando o segundo semestre do ano”, e que a inestabilidade xeral que nos embarga a nivel nacional, practicamente desde o 2015, xa case non sexa noticia.

“España está moi necesitada de estabilidade e creo que todos deberíamos contribuír a darlla”, sentenciou, confirmando que a relación de Galicia co Goberno central seguirá baseándose na esixencia e na fidelidade institucional. “Igual que se fixo con interlocutores anteriores, Galicia reclamará o que é seu ao Goberno que finalmente se constitúa, buscando alianzas territoriais como as que xa se teñen establecido con Asturias e Castela-León”, explicou, asegurando que a Comunidade tamén será esixente na asunción da responsabilidade que supón o momento actual.

“A evolución das exportacións, a produción industrial e a propia desaceleración do crecemento do PIB estannos a dicir que debemos adoptar medidas para seguir sendo fortes fronte ás evidentes incertezas”, sinalou, incidindo en que fronte a esta política serena e reivindicativa, Galicia non deixará de facer sentir a súa voz a prol da estabilidade no conxunto do Estado.

Sobre este punto, recordou que a diferencia de políticas nacionalistas que consideran que cantas máis gretas teña o Estado, mellor lles irá ás súas comunidades, “nós concibimos unha Galicia que navega nunha nave chamada España e noutra chamada Unión Europea”.

Feijóo incidiu en que a quebra da confianza, a desaparición de lugares de encontro e a ruptura de consensos básicos, repercute axiña na economía e, en consecuencia, nas empresas. “A mala política ten malas consecuencias. A política non pode concibirse como un xogo irresponsable que pon en perigo os alicerces da economía. Tampouco como un laboratorio onde se experimenta cos cidadáns e cos traballadores”, abundou, facendo fincapé en que Galicia é unha autonomía cuxa forza radica na sociedade e nas súas empresas, “empresas como as da AGEF: estables, flexibles e en permanente evolución”.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia