Feijóo reedita o compromiso da Xunta cun tecido empresarial galego que, lonxe do conformismo, sabe anticiparse apostando pola calidade e a competitividade Feijóo reedita o compromiso da Xunta cun tecido empresarial galego que, lonxe do conformismo, sabe anticiparse apostando pola calidade e a competitividade
Vídeo do acto

Feijóo reedita o compromiso da Xunta cun tecido empresarial galego que, lonxe do conformismo, sabe anticiparse apostando pola calidade e a competitividade

Destaca a aposta da Xunta pola mellora da competitividade e a diversificación e a aprobación da Lei de implantación empresarial, entre as iniciativas para apoiar ao tecido industrial galego

No tocante ao premiado, lembra que hai un requisito que Joaquín González cumpre dabondo: crer en Galicia e nas súas posibilidades
 

Oleiros (A Coruña), 17 de xuño de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso da Xunta cun tecido empresarial galego que, lonxe do conformismo, sabe anticiparse apostando pola calidade e a competitividade.

Durante o acto de entrega do XII Premio Liderado Empresarial a Joaquín González Iglesias, director xeral de Vegalsa-Eroski, Feijóo referiuse deste xeito á Estratexia de especialización intelixente de Galicia, orientada á mellora da competitividade e á diversificación; aos apoios financeiros mediante o Igape ou á Lei de implantación empresarial para responder as inquedanzas relativas á simplificación administrativa, solo industrial e incentivos fiscais ás empresas.

No tocante ao premiado, o responsable do Executivo autonómico aseverou que nin Vegalsa-Eroski nin ningunha outra das empresas cuxos líderes recibiron este galardón se explican prescindido do liderado, ao que lembrou que hai un requisito que Joaquín González cumpre dabondo: crer en Galicia e nas súas posibilidades.

Así mesmo, salientou que Vegalsa-Eroski recibe a confianza dun público galego que recoñece ademais o compromiso da compañía coa Comunidade en forma de emprego, cooperación con entidades benéficas, coidado medioambiental, apostas culturais e difusión de hábitos saudables.

Un compromiso especialmente visible na colaboración con 930 provedores que supón unha contía de 346 millóns de euros e unha xeración indirecta de 6.000 postos de traballo, precisou, recordando, a modo de exemplo, o acordo con Leche Celta para poñer en valor o leite de orixe galega, ou o convenio con Galicia Calidade para a comercialización de produtos galegos que contan con ese márchamo.

Cunha facturación de 1.079 millóns de euros en 2018 e con preto de 6.000 traballadores -4.500 en Galicia-, Feijóo concluíu destacando que esta compañía é pioneira ademais na transformación dixital, coa automatización da Plataforma loxística e o desenvolvemento do supermercado en liña, catalogado como mellor establecemento online de España por segundo ano consecutivo.

 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia