Feijóo garante a aposta de Galicia pola formación e salienta que a Comunidade é pioneira na acreditación de competencias profesionais con 12 convocatorias e máis de 12.500 títulos expedidos Feijóo garante a aposta de Galicia pola formación e salienta que a Comunidade é pioneira na acreditación de competencias profesionais con 12 convocatorias e máis de 12.500 títulos expedidos
Declaracións do presidente da Xunta

Feijóo garante a aposta de Galicia pola formación e salienta que a Comunidade é pioneira na acreditación de competencias profesionais con 12 convocatorias e máis de 12.500 títulos expedidos

Lembra que, desde 2009, case 62.000 persoas finalizaron actividades formativas apoiadas pola Xunta a través de políticas activas de emprego, ás que neste 2019 se están a destinar 225 millóns para mellorar e acreditar a cualificación

Salienta que hoxe, en Galicia, 3 de cada 4 empregos son indefinidos e resalta que, desde xaneiro de 2014, se teñen recuperado máis de 117.000 empregos

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso da Xunta coa formación e o emprego e destacou que Galicia é pioneira na acreditación de competencias profesionais con 12 convocatorias e máis de 12.500 títulos expedidos.

Durante o acto de entrega de acreditacións oficiais de cualificacións e certificados de profesionalidade, Feijóo fixo balance recordando que, desde 2009, case 62.000 persoas finalizaron actividades formativas apoiadas pola Xunta a través de políticas activas de emprego, ás que neste 2019 se están a destinar 225 millóns para mellorar e acreditar a cualificación dos traballadores.

Dentro desas iniciativas, referiuse ao Plan galego de formación 2019-2020, dotado con 57 millóns e que permitirá que máis de 26.000 persoas poidan mellorar a súa cualificación profesional.

“Todos estes esforzos estannos a situar no bo camiño”, afirmou, destacando que hoxe, en Galicia, 3 de cada 4 empregos son indefinidos, “e nunca houbo tantas mulleres cotizando á Seguridade Social”, dixo, subliñando ademais que desde xaneiro de 2014 se teñen recuperado máis de 117.000 empregos.

O presidente da Xunta concluíu felicitando ás case 1.000 persoas que hoxe recibiron o seu certificado de profesionalidade e acreditacións parciais, a través do recoñecemento da experiencia profesional, válidas a nivel nacional e que cualifican eidos como a atención sociosanitaria a persoas no domicilio, a atención sociosanitaria a dependentes en institucións sociais, servizos para o control de pragas, socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas, extinción de incendios e salvamento, operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural, tanatopraxia, ou a confección e mantemento de artes e aparellos no eido marítimo pesqueiro. “Grazas por investir no voso futuro”, sentenciou.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia