Feijoo refírese á nova planta de Benteler en Mos como exemplo da Galicia atractiva para investir, innovar e xerar emprego Feijoo refírese á nova planta de Benteler en Mos como exemplo da Galicia atractiva para investir, innovar e xerar emprego
Vídeo do acto

Feijoo refírese á nova planta de Benteler en Mos como exemplo da Galicia atractiva para investir, innovar e xerar emprego

Subliña que esta planta ponse en marcha con 12.000 m2 e co obxectivo de crear 175 novos empregos que posibilitarán á compañía alcanzar os máis de 700 empregos na comunidade

Valora que Benteler optase por deseñar esta nova fábrica seguindo os preceptos da Industria 4.0 e convertendo esta planta no centro insignia do grupo en España

Asevera que a Xunta seguirá colaborando co sector da automoción: “traballando conxuntamente nas necesidades de formación e nos proxectos de innovación”
 

Mos (Pontevedra), 19 de xuño de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á nova planta de Benteler en Mos como un exemplo da Galicia atractiva para investir, innovar e xerar emprego, subliñando que esta planta que finalmente optou por instalarse no parque empresarial da Veigadaña, ponse en marcha con 12.000 metros cadrados, cun investimento que supera os 20 millóns de euros e co obxectivo de crear 175 novos empregos que posibilitarán á compañía alcanzar os máis de 700 empregos na comunidade.

Durante unha visita ás novas instalacións, Feijóo destacou ademais que a necesidade de ampliación responde á adxudicación dun importante número de compoñentes dos novos modelos de PSA, como é o caso do Peugeot 2008, o C4 e o novo Opel Corsa. “Deste xeito, PSA absorberá –despois desta adxudicación- o 60% da produción de Benteler”, sinalou.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico valorou tamén que Benteler optase por deseñar esta nova fábrica seguindo os preceptos da Industria 4.0, convertendo esta planta no centro insignia do grupo en España, coas últimas tecnoloxías dixitais e onde toda a cadea de subministración estará automatizada.

Así, entre estas tecnoloxías destacan: a aplicación de técnicas Big Data e de intelixencia artificial en toda a cadea de valor, o despregamento global da internet das cousas no 100% da planta e a xestión vertical –dentro da fábrica- e horizontal –con provedores e clientes- do proceso produtivo completo.

Pola súa banda, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá colaborando co sector da automoción en xeral e con esta compañía, apostando pola competitividade. “Traballando conxuntamente nas necesidades de formación e nos proxectos de innovación, coa FP Dual a través do IES Politécnico de Vigo, co concello de Mos para a formación de persoas desempregadas e a través das unidades formativas e do proxecto Fiber 4.0, presentado por Benteler á terceira edición de Fábrica Intelixente”, abundou.

Feijóo concluíu afirmando que o Goberno galego continuará deste xeito traballando e xerando oportunidades e facilidades para investir. Ao respecto, recordou a aprobación no Parlamento da Lei de implantación empresarial, para que as empresas que se decidan por Galicia dispoñan de máis facilidades para acceder ao solo empresarial e conten con vantaxes administrativas e fiscais.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia