Feijóo anima á industria agroalimentaria a seguir apostando polo valor engadido, a sustentabilidade e a tecnoloxía para camiñar cara a unha Galicia con máis calidade, máis verde e máis innovadora Feijóo anima á industria agroalimentaria a seguir apostando polo valor engadido, a sustentabilidade e a tecnoloxía para camiñar cara a unha Galicia con máis calidade, máis verde e máis innovadora
Intervención do titular do Goberno galego no acto de Clusaga na Cidade da Cultura

Feijóo anima á industria agroalimentaria a seguir apostando polo valor engadido, a sustentabilidade e a tecnoloxía para camiñar cara a unha Galicia con máis calidade, máis verde e máis innovadora

Recorda que preto do 60% das empresas deste sector se sitúan en pequenos concellos de menos de 10.000 habitantes

Destaca dos catro premiados –Freshcut, CLUN, Grupo Nueva Pescanova e José Manuel Pérez Canal- a completa comprensión e aplicación do concepto valor engadido en cada un dos seus proxectos

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2019.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe á industria agroalimentaria a seguir apostando polo valor engadido, a sustentabilidade e a tecnoloxía para camiñar cara a unha Galicia con máis calidade, unha Galicia máis verde e unha Galicia aínda máis innovadora.

“Queremos ser unha marca que creamos hai tempo e que queremos seguir intensificando: Galicia Calidade para todo o sector agroalimentario”, engadiu, subliñando o obxectivo de que a vindeira década sexa a consolidación desta marca.

Durante o acto de entrega dos premios Galicia Alimentación 2019, Feijóo incidiu en que as instalacións de transformación e comercialización son fundamentais para achegar valor engadido e garantir a viabilidade das producións agrícolas, gandeiras e pesqueiras. E recordou ademais que preto do 60% das empresas deste sector se sitúan en pequenos concellos de menos de 10.000 habitantes.

A continuación, o presidente da Xunta fixo mención especial aos catro premiados deste ano, dos que destacou a completa comprensión e aplicación do concepto valor engadido en cada un dos seus proxectos.

Comezando pola empresa Freshcut, produto innovador 2019, que a partir de froitas, verduras e hortalizas frescas de primeira calidade elabora untables vexetais con alto valor nutritivo e ausencia de azucres engadidos.

Proseguindo co grupo CLUN, con máis de 3.500 gandeiros, proxecto empresarial 2019, un claro exemplo de que a unidade fai a forza. O cooperativismo, dixo, permítelle dispor de tres fabricas de produción de pensos, tres surtidores de gasóleo e 5 tendas agrarias e conseguir as seguintes cifras de negocio: 181M€ de facturación, os máis de 300 millóns de litros de leite producidos e 152 millóns de litros de leite transformados.

Tamén o Grupo Nueva Pescanova, estratexia de mercado e internacionalización 2019, presente en máis de 20 países e que vende a máis de 80. O ano pasado, indicou, facturou máis de 1.000M€, ademais de impulsar proxectos de cooperación como o documental La ciudad que nació del mar.

E, finalmente, José Manuel Pérez Canal, premio honorífico pola súa prolixa carreira e pola súa contribución ao Clúster alimentario de Galicia como socio fundador e membro da Xunta Directiva. “Xunto cos seus irmáns, levou os produtos Aceites Abril aos cinco continentes”, dixo, ao que engadiu que a marca conseguiu no 2017 producir 186 millóns de litros e exportou case 35 millóns de litros.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia