Feijóo apela ao diálogo e á palabra para fortalecer a democracia e, en suma, a liberdade Feijóo apela ao diálogo e á palabra para fortalecer a democracia e, en suma, a liberdade
Vídeo da intervención do titular do Goberno galego no Foro Atlántico-A Toxa

Feijóo apela ao diálogo e á palabra para fortalecer a democracia e, en suma, a liberdade

Sostén que a democracia non é soamente unha mecánica, senón por riba de todo un talante

Recorda que grazas ás palabras Galicia resistiu os momentos difíciles: “Coas palabras recuperamos a liberdade e a autonomía. E con palabras edificamos unha comunidade de afectos e intereses; de pasado, presente e futuro”, di

O Grove (Pontevedra), 21 de xuño de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe ao diálogo e a palabra para fortalecer, dixo, a democracia e, en suma, a liberdade.

Durante a presentación do Foro Atlántico-A Toxa, Feijóo expuxo deste xeito que a democracia non é soamente unha mecánica, senón por riba de todo un talante. “Sen unha división de poderes, sen un parlamento representativo, sen o sometemento á lei e sen procesos electorais periódicos, a democracia non existe”, lembrou, subliñando que, non obstante, hai un ingrediente imprescindible para que o conxunto funcione e a democracia non descarrile: o espírito liberal.

Nuns momentos marcados pola fragmentación das sociedades debido a proxectos políticos que eluden deliberadamente o consenso e fomentan a dialéctica amigo-inimigo, Feijóo incidiu na necesidade de reflexionar e defender a democracia liberal. Non en van, a diferencia das democracias sucedáneas, as liberais apóianse no intercambio de ideas e na convicción de que ningunha atesoura a verdade absoluta.

“Atopámonos nunha encrucillada da que parten dous camiños antagónicos: a democracia entendida en toda a súa plenitude, e o que se deu en chamar democracia iliberal. De aí que sexa oportuno e nada superfluo reflexionar e defender a democracia liberal”, abundou.

Sobre este punto, recordou que Galicia é un país de palabras. “Grazas ás palabras resistimos os momentos difíciles. Coas palabras recuperamos a liberdade e a autonomía. E con palabras edificamos unha comunidade de afectos e intereses; de pasado, presente e futuro”, concluíu.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia