Intervención do presidente da Xunta nas Medallas Castelao 2019

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019.-

Autoridades presentes,
señoras e señores.

As medallas Castelao que entregamos hoxe en nome do pobo galego, son unha homenaxe ao noso terceiro Rexurdimento. Galicia tivo un rexurdimento cultural da man de escritores, de poetas e de pensadores que souberon rescatar o mellor de nós para transformalo en obras inmorrentes.

Esa primeira alborada edifícase sobre a palabra, sobre palabras de condición humilde que estiveron afastadas dos ambientes máis cultos. A lingua galega regresa ao canon da cultura universal e pasa da resistencia á existencia plena. O noso país únese a outros pobos que retornaron ás orixes do seu ser para atopar o seu papel no mundo.

Houbo despois un Rexurdimento democrático que se plasma na Constitución española e no Estatuto de Autonomía de Galicia. Cómpre reivindicalos con forza e orgullo porque foron obra dunha xeración que teimou por acadar unha liberdade sen ira capaz de abranguer a todos na casa común. A galeguidade baseada na síntese e na procura incansable de puntos de encontro triunfa sobre os malos agoiros e supera todas as probas por moi difíciles que foran.

É unha obra magna, un auténtico Pórtico democrático, cuxa autoría corresponde a unha comunidade. Se un novo Mestre Mateo quixera representar os artífices do milagre da democracia galega, tería que recorrer a unha técnica virtual para facer xustiza aos millóns de galegos coñecidos e anónimos a quen lles debemos esta nova Galicia.

E chegamos así a un terceiro Rexurdimento que ten o selo da muller galega. A muller estivo presente no primeiro e no segundo rexurdimento, pero moitas veces nunha inxusta posición subordinada e obrigada a pospoñer indefinidamente as súas reivindicacións.


Admitamos que moitos homes non souberon, ou non soubemos, entender que o feminismo viña a completar unha realidade incompleta, e que polo tanto nos facía máis fortes a todos.

A diferencia doutras revolucións que teñen como obxectivo a substitución dunha parte da sociedade por outra, relegando ou asoballando a aqueles que antes tiñan unha posición teoricamente privilexiada, o feminismo democrático quere ser copartícipe na dirección da sociedade.

De aí que sexa unha posición inaceptable a de aqueles que ven nas políticas de igualdade unha agresión, ou na loita contra a violencia machista un exceso.

Tan rexeitable é o intento de apropiación partidaria do feminismo, como os ataques que recibe en nome dunha suposta discriminación masculina.

Entendo que ese abano da medidas que sitúan á muller onde lle corresponde e a defenden con todas as ferramentas legais, forman parte dos mandamentos básicos dun demócrata. Quen as combate ou se mofa delas, sitúase fóra dos criterios que definen as políticas democráticas nesta altura do século XXI.

Todos temos a obriga de participar neste Rexurdimento que ten nome de muller, tamén por unha razón adicional que se atopa na nosa historia máis amarga. Coincidirán comigo en que non é hiperbólico afirmar que, nos tempos da diáspora galega, Galicia sobrevive, fundamentalmente, grazas ás mulleres.

Son as viúvas de vivos e mortos choradas por Rosalía de Castro as que se fan cargo do país en ausencia dos pais, irmáns ou maridos. A imaxe dunha Galicia de mulleres e nenos que resiste lembrando o adeus do ser querido, e agardando o seu retorno, fainos valorar aínda máis o camiño percorrido ata hoxe, e salienta o papel capital da muller nese capítulo histórico de Galicia.

Daquela resistencia heroica do pasado pasamos a un Rexurdimento presente que non cesa de aportar exemplos que nos reconfortan a todos. Daquela muller resignada a suplir ao home que se fora, a outra que define o seu destino. Mediante as súas personaxes, a escritora Nélida Piñón chámaballe República dos Soños á utopía que os emigrantes perseguían no alén mar. Eses soños están agora aquí e poden realizarse grazas a este triplo rexurdimento que conduce ao noso país á liberdade.

Señoras e señores. Hai moitos soños cumpridos e soños que se cumprirán, nas cinco mulleres que acaban de recibir as medallas Castelao 2019.

Un dos grandes referentes internacionais no campo da Insuficiencia Cardíaca e do Transplante Cardíaco, chámase Marisa Crespo. Non sabemos en que momento naceu unha vocación que a levou a dirixir a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, a ser profesora titular de Medicina na Universidade da Coruña, xefa do Centro de Investigación Biomédica en Red Cardiovascular e a coordinadora do Rexistro Español de Tumores post transplante cardíaco, entre outras cousas. Si sabemos que está entre as protagonistas do Rexurdimento con marca feminina.

Deixamos o Cea natal da doutora Crespo para loubar a unha galega nada en Cangas do Morrazo que fixo do piragüismo un arte. Campionatos mundiais, campionatos europeos e cinco finais de cinco xogos olímpicos continuados, e vai para o sexto, conforman o palmarés de Teresa Portela, que contribúe a situar no podio a todo o deporte galego.

Vivir en rede ten nestes tempos un significado diferente. Os que navegan pola rede non son chamados redeiros aínda que puideran selo. Pero antes de que a rede significara o que hoxe significa, xa tiña relación cunha artesanía ancestral, transmitida de xeración en xeración e vencellada ás mulleres do mar. Hai en Galicia case 150 redeiras nos portos de Cariño, de Cedeira, de Malpica, de Corme, de Cambados, de Portosín, de Cangas e da Garda. A maioría están agrupadas na Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao e queren que o seu traballo sexa visible e respectado. Esperemos que esta medalla axude a elo.

Unha traxedia familiar converteu a Jeanne Picard nunha adiantada que cambia a idea tradicional sobre os accidentes de tráfico para establecer o concepto fundamental, que a maioría compartimos, que é o concepto de violencia viaria. Jeanne Picard fai visibles as traxedias que permanecen ocultas e loita por unha nova cultura da seguridade viaria que felizmente está sendo asumida polos diferentes estamentos implicados. Funda Stop Accidentes en España, asociación na que segue sendo secretaria e delegada en Galicia.

Moitos asistentes ao festival de Cannes preguntaron quen era aquela actriz descoñecida que deslumbraba na película de Oliver Laxe O que arde, e bailaba a muiñeira diante dos fotógrafos e solicitaba formalmente que todos aqueles gráficos, a maioría franceses, se dirixiran a ela en galego. A nova estrela era galega, nacera en O Corgo hai uns cantos anos, fora lectora empedernida, campesiña e emigrante en Brasil. A súa vida merece ser levada ao cine, pero mentres tanto Benedicta Sánchez representa para nós o Rexurdimento das galegas que sufriron tantas noites de pedra sen renderse nunca.

Señoras e señores. Galicia é unha patria e unha matria. A nosa comunidade conxúgase en singular e plural, en masculino e feminino. Galicia é máis grande porque a muller galega recupera o seu protagonismo. Faino grazas á loita das precursoras, a estar integrada nun espazo europeo que garante e defende a igualdade como en ningún outro lugar do mundo e a unha democracia que debemos coidar e valorar sen descanso. Faino tamén como consecuencia de pequenas conquistas que contribúen a un gran triunfo sobre a ignorancia, sobre a incomprensión e sobre o fanatismo que tivo como vítimas ás mulleres.

A mellor homenaxe que pode tributarse ás persoas boas é imitalas. Sirvan estas palabras de Concepción Arenal como colofón.

Premiamos a persoas boas, a grandes mulleres que nos engrandecen a todos. Parabéns pois, por este Novo Rexurdimento do noso país, Galicia.

Moitas grazas.

 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia