Sanidade estende a aplicación do contrato de continuidade ao persoal de enfermería do Sergas cun mínimo dun ano de duración e co obxectivo de garantir unha maior estabilidade no emprego Sanidade estende a aplicación do contrato de continuidade ao persoal de enfermería do Sergas cun mínimo dun ano de duración e co obxectivo de garantir unha maior estabilidade no emprego
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a aplicación do contrato de continuidade ao persoal de enfermaría do Servizo Galego de Saúde

Sanidade estende a aplicación do contrato de continuidade ao persoal de enfermería do Sergas cun mínimo dun ano de duración e co obxectivo de garantir unha maior estabilidade no emprego

Feijóo explica que a extensión deste novo contrato –de carácter voluntario– será ofertado ao persoal de enfermería anotado nas listaxes de selección temporal do Sergas

A implantación desta medida terá carácter inmediato e a previsión do Sergas é formalizar neste mesmo ano máis de 100 contratos de continuidade

O persoal de enfermería vinculado a estes contratos terá garantido o mesmo réxime de descansos, permisos e vacacións que o resto do persoal estable
 

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a aplicación do contrato de continuidade ao persoal de enfermaría do Servizo Galego de Saúde (Sergas), cun mínimo dun ano de duración e tres de máximo, e co obxectivo de garantir unha maior estabilidade.

Logo de recordar que este nomeamento de continuidade vén aplicándose aos médicos de familia dende hai meses –formalizándose, ata a data, arredor de 30 nomeamentos nesta categoría profesional nas diferentes xerencias do Sergas–, Feijóo subliñou que este acordo foi ratificado onte mesmo no seo da comisión de seguimento, despois das negociacións coas organizacións sindicais CESM-O’Mega, UGT, CSIF e Satse.

Trátase dunha medida, indicou, cun triplo obxectivo: cubrir as necesidades asistenciais; garantir a estabilidade laboral destes profesionais; e reducir o número de contratos sucesivos.

Cómpre subliñar que a extensión desta nova modalidade contractual –de carácter voluntaria– será ofertada ao persoal de enfermería anotado nas listaxes de selección temporal do Sergas. E, en concreto, os nomeamentos realizaranse para prestar servizos: ou ben no ámbito da atención hospitalaria, con especial repercusión nas áreas de hospitalización, urxencias, críticos ou pediatría; ou ben no ámbito da atención primaria, o primeiro contacto do cidadán co sistema de saúde.

Así mesmo, o presidente do Goberno galego destacou que a implantación desta medida para o persoal de enfermería terá carácter inmediato e a previsión do Sergas é formalizar neste mesmo ano máis de 100 contratos de continuidade.

Nesta liña, sinalou que o persoal de enfermería vinculado a estes contratos terá garantido o mesmo réxime de descansos, permisos e vacacións que o resto do persoal estable.

Durante a rolda de prensa, o titular da Xunta recordou que a extensión deste novo contrato de continuidade para o persoal de enfermería vén a complementar outras medidas xa adoptadas no eido da sanidade pública, na procura da mellora das condicións laborais dos profesionais do Sergas como: as ofertas públicas de emprego na categoría de enfermeira e enfermeira especialista no período 2013-2019, cun número de 1.519 prazas ofertadas; ou o concurso de traslados aberto e permanente, de carácter anual, cuxo obxectivo é fomentar a conciliación da vida laboral e familiar e atraer a profesionais doutros servizos –no último concurso aberto e permanente as prazas de enfermería convocadas foron 1.840–.

Para finalizar, referiuse tamén á creación e implantación efectiva da categoría de enfermeira especialista, na que se inclúen as especialidades de enfermería familiar e comunitaria e de enfermería pediátrica, e na que Galicia foi pioneira.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia