Feijóo salienta que o Plan de dinamización das 5 denominacións de orixe do viño de Galicia reforzará a imaxe e a promoción dos viños galegos e potenciará o seu vínculo co rural Feijóo salienta que o Plan de dinamización das 5 denominacións de orixe do viño de Galicia reforzará a imaxe e a promoción dos viños galegos e potenciará o seu vínculo co rural
Vídeo do acto

Feijóo salienta que o Plan de dinamización das 5 denominacións de orixe do viño de Galicia reforzará a imaxe e a promoción dos viños galegos e potenciará o seu vínculo co rural

Resalta a necesidade de contar con todos os axentes do sector para acadar esta folla de ruta que permitirá seguir impulsando a internacionalización, incrementar o tamaño das adegas e abordar a remuda xeracional

Subliña que esta iniciativa continuará apostando tamén pola innovación e pola formación

Destaca o traballo dos 13.000 viticultores que conforman o sector, cunha mención especial para as comarcas de Valdeorras e Monterrei, afectadas polas fortes treboadas que se produciron o luns
 

Boqueixón (A Coruña), 10 de xullo de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Plan de Dinamización das 5 denominacións de orixe do viño de Galicia reforzará a imaxe e a promoción dos viños galegos, ademais de potenciar o seu vínculo co rural.

“Será unha estratexia común e coordinada que atenderá ás particularidades específicas de cada denominación e reforzará a súa relación co sector turístico aproveitando os recursos do noso patrimonio cultural, natural e paisaxístico”, dixo, resaltando a necesidade de contar con todos os axentes do sector –consellos reguladores, rutas dos viños, viticultores, adegas, investigadores, sector da restauración, entre outros- para acadar esta folla de ruta, que permitirá manter os estándares de calidade, seguir impulsando a internacionalización –e hoxe, 1 de cada 5 botellas de viño das nosas denominacións saen fóra da Comunidade-, incrementar o tamaño das adegas e abordar a remuda xeracional.

Así mesmo, salientou que esta iniciativa continuará apostando tamén pola innovación, para acadar novos produtos como os espumosos, e pola formación. O enoturismo e a mellora da calidade paisaxística serán claves para esta estratexia integral na que o viño será un elemento tractor e dinamizador das economías locais e do rural galego, abundou, referíndose, ademais, á aprobación no Consello da Xunta, hai unhas semanas, do decreto para a creación dun Museo do Viño en Ribadavia, que espallará o coñecemento sobre o viño.

Logo de lembrar que a enogastronomía é xa a segunda razón pola que os turistas visitan Galicia, o titular da Xunta destacou e agradeceu o traballo dos 13.000 viticultores e das máis de 450 adegas que conforman o sector na Comunidade e que, mesturando tradición e modernidade, achegan un valor económico que supera os 200 millóns de euros.

Durante o acto de entrega dos premios da XXXI Cata de viños de Galicia, XXI Cata de augardentes de Galicia e VIII Cata de licores tradicionais, o presidente do Executivo autonómico tivo tamén unha mención especial para as comarcas de Valdeorras e Monterrei, afectadas polas fortes treboadas que se produciron o pasado luns.

 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia