A Xunta autoriza unha nova convocatoria de axudas para crear 15 Casas Niño, que ofrecerán 75 novas prazas de atención á infancia A Xunta autoriza unha nova convocatoria de axudas para crear 15 Casas Niño, que ofrecerán 75 novas prazas de atención á infancia
Vídeo do acto

A Xunta autoriza unha nova convocatoria de axudas para crear 15 Casas Niño, que ofrecerán 75 novas prazas de atención á infancia

Feijóo destaca que está destinada especialmente aos 36 concellos galegos de menos de 5.000 habitantes que aínda non contan con ningún recurso de conciliación

Destaca que o orzamento da convocatoria será de algo máis de 1M€

Subliña que introduce tres novidades, entre elas, o incremento da contía do anticipo por atención educativa que reciben as promotoras durante o primeiro ano

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa de Consello a autorización dunha nova convocatoria de axudas para crear 15 Casas Niño, que ofrecerán 75 novas prazas de atención á infancia en contornos rurais. Deste xeito, destacou, Galicia poderá acabar a década con 76 casas niño a pleno rendemento, cun total de 380 prazas.

A este respecto, Feijóo sinalou que a dita orde está destinada especialmente aos 36 concellos galegos de menos de 5.000 habitantes que aínda non contan con ningún recurso de conciliación. En canto ao orzamento da convocatoria, o presidente da Xunta subliñou que será de algo máis de 1M€, dos que 225.000€ irán destinados a apoiar o investimento necesario e os 900.000 restantes financiarán o desenvolvemento do proxecto.

Durante a rolda de prensa, tamén precisou as tres novidades que incorpora a orde deste ano. Así, dixo, e para facilitar a posta en marcha deste recurso, incrementarase a contía do anticipo por atención educativa que reciben as promotoras durante o primeiro ano, do 35% ao 100% da subvención que lles corresponda. Nas sucesivas anualidades o anticipo pasa do 35% ao 75% para todas as casas niño.

Por outra banda, e ao igual que acontece nas escolas infantís públicas, todos os nenos e nenas que acudan ás casas niño deberán ter as vacinas ao día. E, por último, no caso de que a demanda de prazas supere á oferta, teranse en conta as circunstancias laborais, académicas e a situación familiar, primando as familias monoparentais e as numerosas.

Do mesmo xeito, o presidente do Executivo autonómico explicou que as axudas para reformar o centro serán dun máximo de 15.000 euros por casa niño e a axuda para a atención educativa ascenderá aos 19.600 euros ao ano. Ademais, poderán convertese en promotoras dun destes recursos as persoas que vivan nun núcleo rural onde non exista ningún recurso de atención continuada á infancia dos 0 a 3 anos, que conten cun edificio que cumpra as condicións que se estipulan na convocatoria , que dispoñan dun plan de actuación para emerxencias e que conten cunha titulación relacionada coa educación infantil, experiencia neste eido ou realizaran o curso que organiza a Xunta.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia