Feijóo destaca a renovación de máis do 80% dos vehículos dos axentes e vixilantes ambientais de cara á seguir traballando por unha Galicia da vindeira década máis verde Feijóo destaca a renovación de máis do 80% dos vehículos dos axentes e vixilantes ambientais de cara á seguir traballando por unha Galicia da vindeira década máis verde
Vídeo do acto

Feijóo destaca a renovación de máis do 80% dos vehículos dos axentes e vixilantes ambientais de cara á seguir traballando por unha Galicia da vindeira década máis verde

Asevera que o Goberno galego seguirá apostando por unha xestión e ordenación eficiente dos nosos espazos naturais
 

Dentro do obxectivo de contar cun marco normativo claro e actualizado, salienta o obxectivo de contar este mes cunha nova Lei de Patrimonio Natural, que servirá para realizar unha protección total da nosa riqueza natural

Lembra que máis do 42% das persoas que nos visitaron o pasado ano fixérono pola nosa natureza, cultura e paisaxe

Agradece o traballo de todos os axentes ambientais e vixilantes de recursos naturais o seu traballo
 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019.- O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a renovación de máis do 80% dos vehículos dos axentes ambientais e vixilantes de recursos naturais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de cara á seguir traballando por unha Galicia da vindeira década máis verde. “É misión de todos os galegos coidar, conservar, manter e, se é posible, agrandar o noso patrimonio, contribuír a facer cada día máis, se cabe, unha Galicia máis verde”, asegurou.

Durante o acto de entrega de 81 vehículos, nos que a Xunta investiu 2,4 millóns de euros, Feijóo lembrou o compromiso da Administración autonómica para que os axentes e vixilantes desempeñen o seu traballo nas mellores condicións, reflectido no pacto de melloras laborais alcanzado en outubro do pasado ano, tanto en retribucións como en condicións; no plan de renovación do parque móbil, fixado para os próximos cinco anos; e na aprobación este mes dun incremento de 4 novas prazas de axente ambiental destinadas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, que pasarán de 161 a 165 –a maiores das 101 existentes para vixilantes de recursos naturais-.

Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico aseverou que o Goberno galego seguirá apostando por unha xestión e ordenación eficiente dos nosos espazos naturais. Así, a Comunidade ten un Parque Nacional, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que conta cun plan reitor de uso e xestión para garantir unha maior protección e conservación, e facilitar así a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. E ten 6 parques naturais -o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán; o Monte Aloia, as Fragas do Eume e a Baixa Limia-Serra do Xurés-; ademais dos parques naturais de O Invernadeiro e o da Serra da Enciña da Lastra, que contarán este mesmo ano cos seus plans reitores de uso e xestión (PRUX), despois de que o Consello da Xunta dera onte o seu visto e prace.

Cómpre salientar que o Goberno galego está a traballar nos PRUX dos restantes parques naturais e, de feito, xa están moi avanzados o de Monte Aloia e o do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, co obxectivo de que poidan ser aprobados este mesmo ano.

“E contamos tamén con 6 Reservas da Biosfera , que representan un 25% do noso territorio e aglutinan: ámbitos protexidos da Rede Natura 2000; con zonas de especial conservación ou de protección de aves; con monumentos naturais; e con outras figuras de conservación establecidas de forma internacional”, explicou, recordando que a Rede Galega de Reservas da Biosfera púxose en marcha como tal en 2017, co desexo de que se poida ampliar en breve coa candidatura da Ribeira Sacra, unha proposta que aglutina a unha vintena de concellos de Lugo e Ourense, cun alto valor paisaxístico e cultural e que conta coa declaración de Ben de Interese Cultural. “Agardamos que esta sexa a sétima Reserva da Biosfera de Galicia, o que significaría que máis dun 34% do territorio da Comunidade estea protexida baixo esta figura”, subliñou.

Un marco normativo actualizado

Así mesmo, e dentro dun marco normativo claro e actualizado, o titular da Xunta destacou o obxectivo de contar este mes cunha nova Lei de Patrimonio Natural, que servirá para realizar unha protección total da nosa riqueza natural. “E remitiremos ao Parlamento a nova Lei de Pesca Continental, unha normativa que recollerá aspectos importantes, como a promoción da pesca sen morte ou a pesca fluvial sustentable”, engadiu, afirmando que estas dúas normativas súmanse a outros instrumentos normativos que permiten un desenvolvemento racional e sustentable encamiñado a preservar a riqueza natural como: o Plan de Ordenación do litoral; as Directrices de Ordenación do Territorio; a Lei do solo de Galicia; a Estratexia da Paisaxe de Galicia; o Catálogo das Paisaxes de Galicia; a Rede de itinerarios de interese paisaxístico; e diversas guías de intervención paisaxística.

“Sen esquecernos, por suposto, da aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000, que protexe un 12% do noso territorio (400.000 hectáreas) en 215 concellos. Unha cifra que sitúa a Galicia á cabeza das comunidades que se axustan ás directivas europeas en canto a catalogación e planificación do seu territorio”, matizou.

Feijóo concluíu aseverando que todas estas novidades están dirixidas a garantir o máximo respecto polo ambiente, sen que este sexa incompatible cunha explotación racional do mesmo. Non en van, máis do 42% das persoas que nos visitaron o pasado ano fixérono pola nosa natureza, cultura e paisaxe .

O titular da Xunta aproveitou o acto para agradecer o traballo de todos os axentes ambientais e vixilantes de recursos naturais o seu traballo.
 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia