A Xunta concede as Medallas Emilia Pardo Bazán a CLUN, Ángeles Carmona e a Asociación de Diagnosticados e Cancro de mama A Xunta concede as Medallas Emilia Pardo Bazán a CLUN, Ángeles Carmona e a Asociación de Diagnosticados e Cancro de mama
O presidente da Xunta anunciou a concesión das Medallas na rolda de prensa do Consello

A Xunta concede as Medallas Emilia Pardo Bazán a CLUN, Ángeles Carmona e a Asociación de Diagnosticados e Cancro de mama

O acto de entrega da medallas terá lugar o vindeiro 16 de setembro, en conmemoración do nacemento da escritora galega

O Goberno galego recoñece así o labor que levan a cabo en prol da igualdade entre mulleres e homes e por construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2019.- O Consello da Xunta acordou hoxe dar o visto bó á acta de comisión de valoración e conceder as Medallas Emilia Pardo Bazán á Asociación de Diagnosticados de Cancro de mama (ADICAM), a Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) e á presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, Ángeles Carmona, como recoñecemento polas accións que levan a cabo en prol da igualdade entre mulleres e homes e polo seu traballo para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade.

A Xunta aprobou este mesmo ano Decreto polo que se crean e regulan as Medallas Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes, poidendo ser destinatarias tanto persoas como colectivos, entidades ou institucións, públicas e privadas que, coa súa traxectoria ou labor, contribuísen e destacasen no desenvolvemento na nosa comunidade de accións relevantes neste ámbito. Entregaranse os 16 de setembro, en conmemoración do nacemento da escritora galega.

As Medallas Emilia Pardo Bazán outorgan un recoñecemento público ás accións desenvolvidas na nosa comunidade e que teñan contribuído e destacado na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes. As medallas levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e o feminismo; reivindicar a educación e instrución das mulleres como algo fundamental e incorporar en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia