A Xunta renova o convenio co Consorcio Zona Franca de Vigo, VigoActivo, Ceaga e Grupo PSA para impulsar ata 60 novos proxectos a través da Business Factory Auto A Xunta renova o convenio co Consorcio Zona Franca de Vigo, VigoActivo, Ceaga e Grupo PSA para impulsar ata 60 novos proxectos a través da Business Factory Auto
Vídeo da intervención de Feijóo sobre este tema na rolda de prensa do Consello

A Xunta renova o convenio co Consorcio Zona Franca de Vigo, VigoActivo, Ceaga e Grupo PSA para impulsar ata 60 novos proxectos a través da Business Factory Auto

En concreto, poñeranse en marcha tres novas convocatorias ata 2022 desta aceleradora, especializada en automoción

Feijóo detalla que o Goberno galego achegará máis de 11,1 M€, preto do 86% do investimento total

Subliña que se trata dun sector estratéxico para Galicia, pois supón o 14% da produción nacional de vehículos, o 25% das exportacións da Comunidade e máis de 22.000 postos de traballo

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a renovación do convenio de colaboración co Consorcio Zona Franca de Vigo, VigoActivo, Ceaga e Grupo PSA para impulsar ata 60 novos proxectos a través da aceleradora Business Factory Auto (BFAuto), especializada en automoción. En concreto, poñeranse en marcha tres novas convocatorias ata 2022.

Feijóo informou sobre isto durante a rolda de prensa do Consello da Xunta, onde detallou que o investimento total é de 13 M€, dos que a Xunta achegará máis de 11,1 M€, preto do 86% total. Segundo subliñou, este é un sector estratéxico que supón o 14% da produción nacional de vehículos, o 25% das exportacións de Galicia e máis de 22.000 postos de traballo.

O titular do Goberno galego sinalou que o novo convenio permitirá a convocatoria de tres novas edicións da aceleradora, tanto para novos proxectos como para a consolidación daqueles que están en marcha. Máis polo miúdo, prevense impulsar ata 60 plans e poderán acollerse á Business Factory Auto emprendedores con proxectos innovadores, con vocación de internacionalización e con potencial para fortalecer o sector da automoción en Galicia. O obxectivo é consolidar esta aceleradora como a mellor da Unión Europea, que Vigo “sexa o mellor polo de innovación na automoción da UE”, dixo. E así, deste xeito, “poder configurar en Galicia un ecosistema de innovación no ámbito da automoción”.

Botando a vista atrás, Feijóo recordou que nas súas tres edicións xa celebradas, a Business Factory Auto permitiu alcanzar importantes avances no eido da sensórica, a cobótica, a impresión 3D ou a robótica. De feito, desde a súa posta en marcha en 2016 foi recoñecida a nivel nacional e internacional.

Sumando as tres edicións que xa se celebraron e cando remate a deste ano, abundou o presidente da Xunta, a aceleradora permitirá a posta en marcha de 35 empresas, a creación de preto de 250 postos de traballo e unha facturación de 33 M€. “Evidentemente, este é un caso de éxito, estamos moi orgullosos do que se está a facer en porto do Molle, en Nigrán, onde está a sede da aceleradora”, valorou.

Por outro lado, Feijóo tamén resaltou a forte implicación do sector, tendo en conta que o 50% dos proxectos están titorizados por empresas de Ceaga, o 80% están realizando plans pilotos en compañías de automoción e o 80% están facturando xa no sector. Así, non chama a atención, dixo, que a terceira edición da BFAuto obtivera un récord de participación con 62 proxectos presentados de 9 países diferentes, todos eles relacionados coa Industria 4.0.

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia